29/06/15

LEMBRANDO A JUAN R. ÁLVAREZ

Na memoria colectiva permanecen as grandes fortunas da emigración. Imos lembrar hoxe a vida de Juan R. Álvarez, un deses homes que fixo as Américas. Primeiro en Madrid e máis tarde na Habana traballou e prosperou sen por iso esquecer nunca a súa terra natal: O Valadouro. Achegámonos ao seu percurso vital.

Juan R. Álvarez naceu na parroquia de Santo Tomé de Recaré (O Valadouro) o 9 de xaneiro de 1880. Fillo de labregos acomodados, na Preceptoría de Ferreira do Valadouro estudou Latín e Humanidades durante tres anos. En 1893 ingresou no Seminiario Cociliar de Santa Catalina de Mondoñedo para seguir estudos eclesiásticos.

Non obstante, o noso protagonista non chegou a concluír a carreira sacerdotal. Así, marchou a Madrid para se dedicar ao comercio, ocupación que desenvolvería o resto da súa vida. Comezou a traballar nunha xoiaría da Carrera de San Jerónimo, negocio do que chegaría a ser socio. Na capital de España comezaría a súa actividade societaria, pois foi membro do Centro Gallego de Madrid. No entanto, Juan R. Álvarez non esquecía O Valadouro. En efecto, en Ferreira foi cofundador do xornal El Valle de Oro, medio a través do cal denunciou ás persoas que se enriquecían co tráfico migratorio.

En 1906 trasladouse a Cuba, pertencendo desde ese mesmo ano ao Centro Gallego da Habana. Na primeira institución mutual dos galegos de Cuba Juan R. Álvarez desempeñou postos de responsabilidade, chegando en 1917 a ser elixido como vicepresidente da comisión executiva. Estivo entre os fundadores da sociedade de instrución El Valle de Oro, entidade da que ocupou o cargo de vicesecretario da primeira xunta directiva. En 1915 foi elixido sétimo presidente de El Valle de Oro. Esta entidade, creada en 1907, tiña por obxectivo fundamental o fomento da instrución nas parroquias dos concellos do Valadouro e Alfoz. Permanecería como presidente até 1924 cando foi substituído por outro dos líderes que marcaron a vida desta sociedade: Ramón Canoura Fernández. Juan R. Álvarez pertenceu tamén a outras entidades. Así, foi secretario fundador do Comité Representativo de las Sociedades Gallegas de Instrucción, entidade que pretendía agrupar ás sociedades microterritoriais da habana. Membro da Asociación Iniciadora y Protectora de la Real Academia Gallega e da Sociedade de Beneficencia de Naturales de Galicia.

En 1922 foi elixido como conselleiro da Caja de Ahorros y Banco Gallego do Centro Gallego da Habana. Foi elixido como consiliario da directiva da Sociedad de Beneficencia de Naturales de Galicia para o período 1924/1925, repetindo nese cargo en anos posteriores.

Profesionalmente en Cuba dedicábase ao comercio, sendo importador, entre outros produtos, dos reloxos Lohengrin. Antes de se estabelecer pola súa conta, formaba parte da razón social Santos y Álvarez. Juan R. Álvarez faleceu na Habana en marzo de 1932.

Artigo publicado en A Mariña-El Progreso, 31 de maio de 2015, páxina 9

Ningún comentario: