15/11/13

DON PACO OU COMO ENXERGAR GALIZA ENTEIRA

A egrexia figura de Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913 – Vigo, 2010) tráeme sempre ao maxín o mesmo cadro: «O camiñante sobre o mar de nubes», do pintor romántico alemán Caspar David Friedrich. Nel, o excursionista, logo de rematar o seu percurso, olla desde o cumio dun outeiro a paisaxe toda. Pois ben, eu vexo a don Paco do mesmo xeito. Coa diferenza de que el ollaba, desde a súa altura intelectual, a Galiza enteira. Non só a que podía apreixar cos ollos, senón tamén a que se ve co corazón e os moitos anos de dedicación plena ao país.

Neste 2013, ano no que o Del Riego cumpría cen anos, son varias as iniciativas encamiñadas a honrar a súa memoria de traballador pola causa da Terra. Comentamos nas liñas que seguen a aparición dun libro no que se analizan todos os seus contributos desde a perspectiva da cidade que o acolleu. En efecto, desde 1939 Francisco Fernández del Riego residiu en Vigo e foi desde esta localidade desde onde despregou todo o seu labor de difusión cultural. Non obstante, engánanse os que coiden que esta é unha obra dun perfil localista. Nada máis lonxe da realidade. A través das páxinas deste volume podemos achegarnos aos traballos de don Paco que, aínda que tiñan como centro de operacións a cidade olívica, a súa orixe e a súa significación eran plenamente galegas. Estamos, como o lector pode supor, diante dun libro coral, na que unha multitude de voces ofrecen diferentes visións da vida persoal e intelectual do noso protagonista. A realización do volume estivo ao coidado de María Dolores Cabrera Iglesias e María Dolores Villanueva Gesteira.

O libro encétase cunha completa cronobiografía –acompañada de numerosas fotografías− na que podemos coñecer os principais trazos da vida e da obra de Francisco Fernández del Riego. O corpo do libro corresponde ao epígrafe rotulado de xeito significativo «Volver sobre o camiño andado», que recolle achegas sobre a súa traxectoria que fan amigos e colaboradores. De todos os proxectos nos que participou a Fundación Penzol foi, sen dúbida, unha das columnas vertebrais. Desde a súa creación, en 1963, até pouco antes do seu pasamento, Del Riego estivo á fronte desta entidade clave para a memoria de Galiza, como ben podemos deducir dos textos de Méndez Ferrín e Franco Grande. De non menos importancia foi a Editorial Galaxia, creada en 1950 como empresa chave do galeguismo cultural para manter acesa a causa do país na negra noite franquista. Don Paco foi o animador das grandes iniciativas desta editora, comezando pola primeira: a revista Grial. Esta publicación converteuse nun símbolo do duplo obxectivo procurado polo homes de Galaxia, isto é, ofrecer a cultura galega ao mundo e asemade verter á nosa lingua as principais achegas da cultura universal. Nas súas propias palabras os obxectivos de Grial eran: “Endereitábase a recoller e canalizar as variadas expresións do noso espírito cara ó universal. Pero, así mesmo, a recoller e a traducir o universal ó idioma propio” (63). Apaixonado da letra impresa, Don Paco deitou o seu saber el multitude de colaboracións espalladas por xornais e revistas tanto de Galiza como da emigración americana. Neste senso, podemos afirmar que Francisco Fernández del Riego foi un dos homes que serviron de ponte entre a resistencia político-cultural que se levaba adiante en Galiza e o traballo dos nosos exiliados en América, con razón Ramón Piñeiro –como lembra María Dolores Villanueva no seu texto (109)− dicía del que era o ministro de asuntos exteriores do galeguismo. Non queremos abandonar o comentario das publicación periódicas nas que colaborou sen mencionarmos as revistas especializadas Industrias Pesqueras e Industria Conservera, coas que mantivo unha relación de longo percorrido que ademais o converteron nun especialista verbo da pesca en Galiza. Hai espazo para o persoal neste parte do libro, destacando neste senso as colaboración de Gerardo González Martín e Ana María Fernández del Riego. Nelas podemos apreixar a un Don Paco preocupado pola súa mai e irmáns, acadando finalmente xuntar a case toda a familia en Vigo.

Vigo cobra protagonismo na terceira parte do libro. Desta volta é o propio Francisco Fernández del Riego quen toma a palabra para lembrarnos, grazas a unha escolma de textos, o que a cidade olívica supuxo para a súa vida e para os seus traballos. E cal é o Vigo que se nos aparece? A cidade sentimental, a urbe moderna símbolo do progreso económico, un Vigo no que traballan escritores e artistas, a base de operacións dos seus proxectos culturais… Estamos, xa que logo, diante dun cronista oficioso de varias décadas de vida viguesa. Finalmente, o libro péchao, nuns sentidos versos, quen sen dúbida foi un dos principais compañeiros de andaina: Xaime Isla Couto.

A xenerosidade de Vigo con Francisco Fernández del Riego foi, non cabe dúbida, correspondida. En 1995 fixo doazón á cidade da súa biblioteca, do seu arquivo e da súa colección de arte que hoxe están dispoñíbeis para o goce do público en xeral. Esta doazón era comprendida polo propio interesado como un servizo máis a Galiza e como un agradecemento á cidade que o acolleu: “Doei en vida e non leguei para despois de finado, libros e cadros para que non se crebase unha traxectoria longa de servizo a Galicia. Quixen así chegar ó remate sendo fiel ós principios que inspiraron o decorrer da miña existencia (…) Escollín ó pobo de Vigo como receptor, porque nesta cidade refixen un andar esperanzado, que o drama da guerra civil tronzara. A ela débolle a inesquecible asistencia na recuperación” (128). Pola nosa parte só nos queda, parafraseando a Álvaro Cunqueiro, outra das súas amizades e tamén vigués de adopción, desexar para Galiza mil Fernández del Riego máis.

Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia
María Dolores Cabrera Iglesias / María Dolores Villanueva Gesteira (Eds.)
Editorial Galaxia / Fundación Penzol, 2013, 133 páxinas

Reseña publicada na revista Grial, nº 199, xullo-setembro, 2013, p. 93-94.

16/07/13

TRANSICIÓN OU TRANSFORMACIÓN?

Unha das principais misións dos historiadores é pór en cuestión aquilo que o costume reiterado converteu en realidade. Un continuo abalar de mitos que, ben por pasividade ben por intereses creados, se foron asentando como verdades intocábeis. Deste xeito, no noso pasado máis recente hai un mito que destaca por riba doutros: a Transición á democracia como un proceso ideal, mesmo susceptíbel de ser exportado a outros países. Nesta liña de análise podemos situar o libro de Carlos F. Velasco Souto que imos comentar nas seguintes liñas, o cal se insire nun vieiro aberto por outros historiadores como Ferrán Gallego, Josep Fontana ou Justo Beramendi, autores dos cales Velasco Souto se confesa debedor. O volume ten dúas partes nidiamente diferenciadas. Por un lado, unha análise da derradeira parte do franquismo, onde o autor vai achar as chaves do posterior proceso de avance cara á democracia. Por outro lado, a análise da Transición propiamente dita en Galiza.

Galiza comezou a mudar nos anos sesenta. O Plan de Estabilización, aprobado en 1959, unido a unha etapa expansiva da economía mundial, puxeron as bases para deixar atrás os anos da fame e da escaseza. Ora ben, en Galiza o modelo xerado deu como resultado unha economía dependente. En efecto, o crecemento alicerzouse sobre industrias de enclave, que rara vez remataban todos os seus ciclos produtivos no país. Este modelo de desenvolvemento proxectouse cara ao futuro, nel seguimos en grande parte instalados.

Á calor do crecemento económico fóronse asentando unhas elites que axiña irían tecendo unha rede de intereses clientelares. Asentadas en entidades creadas polo franquismo, como as Hermandades de Labradores, a clase dirixente que nace por estes anos habería de ter, convenientemente adaptada ás circunstancias, un notábel protagonismo á hora de afrontar a Transición. O benestar destes anos modificou sensibelmente a sociedade galega, seguindo aquí as investigacións da historiadora Ana Cabana, o autor deste libro fala dun consentimento social cara o franquismo; isto é, unha menor represión e unhas mellores condicións de vida levaron a que cada vez camadas máis amplas da poboación visen o réxime franquista como algo tolerábel. Ora ben, o afirmado até aquí non exclúe, por suposto, a existencia dunha oposición interna, que tamén se vai anovar nos anos sesenta. Así, por estes anos a maior novidade atopámola na vinculación de esquerda e nacionalismo, coa creación da Unión do Pobo Galego e o Partido Socialista Galego. Non debemos esquecer tampouco o gran rol xogado polo Partido Comunista (PCG, desde 1968) e o activo papel das Comisións Obreiras no mundo do traballo.

As condicións sinaladas habían de marcar en Galiza o proceso de Transición cara á democracia que comeza tras a morte do ditador en 1975. A principal tese defendida neste libro é a mutación política das elites do franquismo para, unha vez adobiadas cunhas pingas de democracia, protagonizar claramente a Transición no noso país. Xa que logo, foron as elites sociais desenvolvidas nos anos sesenta as que integraron en Galiza os cadros da Unión de Centro Democrático e tamén, aínda que en menor medida, de Alianza Popular. Polo que toca á oposición, a súa organización seguiu as mesmas pautas que no conxunto do Estado. En marzo de 1975 creouse a Xunta Democrática, aglutinada arredor do PCG, mentres que en xullo do mesmo ano nacía Converxencia Democrática, que nacía como plataforma do PSOE. Ambas organizacións confluirían en xullo de 1976 na Táboa Democrática, expresión galega da Coordinación Democrática que nacía a nivel español. O nacionalismo galego seguiu, porén, un camiño diferente. A UPG e o PSG serían os principais animadores do Consello de Forzas Políticas Galegas, que daría como principal froito as Bases Constitucionais, proposta galega de creba democrática. Mentres que as organizacións incluídas na Táboa Democrática acabarían por pactar un avance cara á democracia desde as institucións do franquismo, negociando xa que logo coas elites reformistas do réxime, as forzas da esquerda nacionalista teimaron nunha verdadeira ruptura co pasado, manténdose alleas tanto ao proceso constitucional como ao posterior camiño cara á autonomía.

As consecuencias do pacto que levou á Transición non foron só a continuidade das elites do franquismo final, senón a pervivencia e perpetuación duns determinados hábitos políticos, valores e criterios de convivencia social e xeitos de gobernar que, en gran parte, continúan aínda vixentes. Así, a ausencia dunha sociedade civil organizada e a visión da política como algo negativo –tan só accesíbel a determinadas elites− constitúen unha herdanza do franquismo que a Transición, tal e como se levou a cabo, contribuíu a confirmar. Outra consecuencia deste proceso foi a impunidade na que quedaron todos os crimes cometidos polo franquismo. A lei de amnistía do ano 1977 puxo na rúa a moitos presos políticos, mais tamén botou terra sobre os asasinatos e a represión da ditadura. É aínda máis, foi nesta época cando se xeneralizou a idea da necesidade de esquecer o pasado, sementando unha amnesia tan ominosa como interesada. Habería que agardar até datas moi recentes para que a memoria histórica volvese xurdir vizosa.

Preséntasenos neste volume, xa que logo, unha completa síntese da Transición á democracia en Galiza, que tivo as súas peculiaridades, de aí que o autor se vexa na necesidade de remontase até os anos sesenta para comezar o seu libro. Conclúe Velasco Souto que máis que transición o que houbo en Galiza foi unha maquillaxe das vellas elites franquistas, convenientemente adaptadas á nova situación. Ora ben, non foi esa a única transición que non existiu. Á luz dos acontecementos podemos sinalar que tampouco a oposición soubo facer a súa transición. E non nos estamos a referir só ao caso do nacionalismo, que teimou nunha estratexia que o mantivo autoexcluído do proceso autonómico, algo que había pagar moi caro no futuro. Estamos a falar dunha cultura política que, se ben entendíbel nun contexto de clandestinidade como foi o da ditadura, en pouco ou en nada era equiparábel a uns tempos de democracia. Particularmente no nacionalismo non houbo esa transición, e segue sen habela. En palabras do autor deste libro: “Afinal de contas, a cultura ultra-dogmática e sectária era património comum de todos” (p. 147). E isto porque quizais esquecemos que a transición, como a caridade ben entendida, comeza por nós mesmos.

Franquismo serôdio e transiçom democrática na Galiza (1960-1981)
Carlos F. Velasco Souto
Edicións Laiovento, 2012, 256 páxinas

Reseña publicada na revista Grial, nº 198, abril-xuño de 2013, p. 103-104.

10/05/13

LINCOLN & MARX


A Historia ten un aquel paradoxal. Como se non poderiamos considerar –desde unha perspectiva actual− o interese de Karl Marx por un presidente dos Estados Unidos? E, non obstante, Marx, como atento observador da realidade que era, seguiu de perto os pasos de Abraham Lincoln e da súa causa: a abolición da escravitude. Velaquí o principal paradoxo que nos atopamos no libro Guerra y emancipación. Lincoln & Marx, que vén de tirar do prelo a editora “Capitán Swing”. Max publicou no xornal vienés Die Presse unha serie de artigos sobre a guerra civil norteamericana, que aparecen agora recollidos neste volume. Por outra parte, o libro tamén inclúe os principais discursos de Abraham Lincoln sobre a cuestión da escravitude nos Estados Unidos. O volume conta cunha introdución de Robin Blackburn, profesor da Universidade de Essex, que analiza as converxencias de ambos persoeiros, a principal das cales era a defensa da traballo libre fronte á escravitude. A modo de gorentosa sobremesa, o libro inclúe tamén as cartas intercambiadas entre Marx e Lincoln, no caso do segundo a través do embaixador norteamericano en Londres.

Porén, a paradoxal relación de Marx e Licoln, non é a única que se nos presenta neste libro. Sabemos que Abrahan Lincoln foi o primeiro presidente republicano dos Estados Unidos. A imaxe que temos na actualidade do Partido Republicano é a dunha forza política valedora dos ideais conservadores e reaccionarios. Non obstante, o nacemento do Partido Republicano está intimamente unido á causa da abolición da escravitude. En efecto, a mediados do século XIX eran os republicanos estadounidenses os de defendían abertamente a necesidade de rematar coa escravitude, mentres que o Partido Demócrata era o valedor dos intereses dos propietarios de escravos. De feito, a elección de Lincoln como presidente foi a chispa que prendeu a secesión dos estados do sur. Nunha carta a Henry L. Pierce, datada o 6 de abril de 1859, Lincoln explicaba a aberta defensa que os demócratas facían da escravitude: «A democracia de hoxe sostén que a liberdade dun home non é nada en absoluto cando entra en conflito co dereito de propiedade doutro home. Os republicanos, pola contra, están de parte tanto do home como do dólar, mais, en caso de conflito entre un e outro, antepoñen ao home». Como se pode comprobar nada máis lonxe dos estereotipos que hoxe temos a respecto de demócratas e republicanos nos Estados Unidos.

Continuando cos paradoxos, a política abolicionista de Lincoln unha vez que chegou á presidencia foi errática e nada clara. Por que? Polas obrigas da guerra. En efecto, a necesidade que tiña o presidente de asegurar a fidelidade de estados fronteirizos como Maryland ou Kentucky –estados escravistas, mais partidarios da Unión− obrigouno a retrasar o seu compromiso abolicionista. Karl Marx criticou esta situación e denunciou que Lincoln estaba preso do que el chamaba “escravistas leais”. Consonte a evolución da guerra foi favorecendo ás tropas federais, Licoln puido avanzar no seu programa  de abolición da escravitude. É así como se explica a aprobación da décimo terceira emenda da Constitución, que rematou para sempre coa escravitude nos Estados Unidos. Por outra parte, unha cousa era que Lincoln defendese a necesidade de liberar aos escravos e outra, completamente diferente, era que estivese a favor de concederlles dereitos cidadáns a eses escravos. O presidente foi durante moitos anos partidario dunha política de colonización, é dicir, favorecer que os escravos liberados puidesen asentarse en África ou no Caribe.

Non deixa de ser tamén paradoxal que os anos precedentes á elección de Lincoln como presidente poden ser considerados como de avance das teses escravistas, sobre todo no que toca aos territorios federais, campo de batalla entre os valedores e os detractores da escravitude. En efecto, en 1857 a sentenza do Tribunal Supremo referente ao caso Dred Scott aseguraba o dereito de posesión de escravos en calquera punto do territorio dos Estados Unidos. Esta sentenza daba por rematados tanto o compromiso de Missouri (1820) e a lei Kansas-Nebraska (1854), que xa de por si supuxeran un adianto para as posicións dos partidarios de ampliar os territorios escravistas.

Xa que logo, xúntanse neste libro tanto a literatura abolicionista de Abrahan Lincoln como os traballos xornalísticos de Karl Marx sobre a guerra civil estadounidense e as súas causas. Un volume útil e práctico que recolle as converxencias de dous persoeiros capitais do século XIX, para alén de ideas preconcebidas e estereotipos.

Guerra y emancipación. Lincoln & Marx, Madrid: Capitán Swing Libros, 2013, 213 páxinas. 

18/01/13

O ESTUDO DOS PASADOS INCÓMODOS


A promulgación en 2007 da coñecida como Lei de memoria histórica supuxo un revulsivo para os estudos sobre o noso pasado máis inmediato. Para alén das implicacións políticas, a citada lei aguilloou o debate sobre cal debía de ser o papel da Historia e dos historiadores á hora de se enfrontar cun pasado incómodo, tal e como segue sendo aínda hoxe a guerra civil e a ditadura franquista. É nesta liña de análise onde temos que situar o libro Memoria de guerra y cultura de paz en el siglo XX, unha nova achega do proxecto de investigación interuniversitaria Nomes e Voces, á súa vez xerado na calor do Ano da memoria en 2006. O volume é resultado do coloquio internacional «Memoria da Guerra, Reconciliación e Cultura de Paz», celebrado en Santiago de Compostela entre o 13 e o 15 de decembro de 2010, configurado como unha actividade máis dentro do Foro 2010, vasto proxecto que xuntou na capital de Galiza a persoas e organizacións que traballan na cultura da paz.

As mesas de debate que integraron o coloquio son os capítulos que configuran este libro. Neles, un coordinador expón de primeiras as principais conclusións de cada debate, que se desenvolve polo miúdo con cada participante. O primeiro capítulo, baixo a responsabilidade de Lourenzo Fernández Prieto, investigador principal do proxecto Nomes e Voces, analiza o estudo do pasado incómodo en España e os seus principais retos. Os textos deste capítulo insisten en que o coñecemento histórico debe contribuír a superar as vellas feridas, sacando á luz toda a verdade para resarcir ás vítimas. Ora ben, non se pode caer na tentación de xudicializar o pasado –un risco que se deriva da propia Lei de memoria histórica−. Neste senso, faise necesaria unha xustiza retributiva, non punitiva. A perspectiva histórica axuda a situar no pasado os feitos dramáticos, evitando ver a guerra civil como un eterno presente (Gabriele Ranzato). Debemos asumir que existe unha pluralidade de memorias sobre o noso pasado, diversidade que debe ser analizada polos historiadores para asumir unha repartición ecuánime de responsabilidades, só deste xeito avanzaremos no camiño da reconciliación.

O capítulo segundo, coordinado polo profesor Xosé Manoel Núñez Seixas, supón un importante esforzo de Historia comparada. En efecto, varios especialistas achéganse aos pasados traumáticos en Europa na procura de similitudes e diferenzas co caso español. Así, a diferenza do que ocorreu cos crimes nazis, onde os debates se centran na mellor maneira de lembrar, en España até non hai moito tempo púñanse o acento na necesidade do esquecemento. Nese senso, tanto en España como nos países da órbita da URSS a construción dunha memoria democrática foi algo secundario. Outra achega novidosa desta parte foi a necesidade de investigar no pasado colonial como antecedente das violacións dos dereitos humanos (Andreas Stucki). O capítulo terceiro continúa nesta mesma liña, agora coa análise dos pasados incómodos en varios países de América latina. Baixo a coordinación de Eduardo Rey Tristán, os autores desta parte insisten no papel que debe xogar a Historia para a superación dos traumas pasados. Nesta liña, son esclarecedoras as palabras da historiadora María Rosaria Stabili: “Creo que el oficio de historiador (…) puede plantearse como una gran contribución a la pacificación de una sociedad herida y dividida en la medida en que logre otorgar igual legitimidad a todas las memorias…” (p. 130).

O profesor da Universidade de Vigo Julio Prada coordinou o capítulo cuarto, centrado na análise de conceptos como xenocidio ou crimes contra a humanidade e no debate verbo da súa aplicación ao caso español. A conclusión máis destacada desta parte céntrase no feito de que a xustiza transicional en España puxo o acento no resarcimento moral das vítimas en detrimento da vía penal. O capítulo quinto, baixo a responsabilidade de Eliseo Fernández, achégase ao traballo e obxectivos de distintas entidades que, desde a sociedade civil, pulan por manter acesa a chama da memoria das vítimas. Neste apartado subliñamos a pertinencia dos coñecidos como «lugares de memoria» e o papel dos mesmos como mantedores da memoria da represión.

Os arquivos, a súa ordenación e accesibilidade, foron obxecto de estudo do sexto capítulo deste libro, coordinado polo profesor Emilio Grandío Seoane, tamén investigador do proxecto Nomes e Voces. Neste punto o máis destacábel é a denuncia por parte dos especialistas das dificultades de acceso aos arquivos, en palabras de Antonio Gómez Quintana: “Todavía en el 2010, las principales fuentes sobre la represión franquista continuaban, si no legalmente excluidas de la consulta pública, sí al menos en una situación de uso casi imposible…” (p. 246). A necesidade de políticas arquivísticas eficientes é unha das principais conclusións desta epígrafe. E, finalmente, no capítulo sétimo, baixo a coordinación de Conxita Mir, achegámonos a dous dos aspectos máis relevantes dos estudos actuais sobre a guerra civil e o primeiro franquismo. Falamos tanto da investigación con fontes orais como da perspectiva de xénero nos estudos sobre a represión. Neste último senso, unha das conclusión máis interesantes deste apartado insiste en considerar ás mulleres como transmisoras do silencio ou da memoria sobre a represión.

En suma, este libro aborda, desde a visión dos especialistas na investigación histórica, os principais retos na análise dos pasados incómodos. É misión dos historiadores unha achega desapaixonada aos sucesos traumáticos da nosa Historia inmediata. Mantendo a necesidade da lembranza, que asegure a reparación das vítimas, cómpre traballar para que ese pasado permaneza como tal, deixando de ser un continuo presente. E sempre tendo en conta que os historiadores somos científicos sociais, mais non xuíces.

Memoria de guerra y cultura de paz en el siglo xx. de españa a américa, debates para una historiografía
Lourenzo Fernández Prieto / Proxecto Nomes e Voces (eds.)
Ediciones Trea, 2012, 326 páxinas

Reseña publicada na revista Grial, nº 196, outubro-decembro de 2012, p. 100-101.

10/12/12

A ANARQUISTA DE NECOCHEA


«A los 18 años, la policía me consideró un elemento peligroso para la tranquilidad del capitalismo y el Estado».

As palabras que encetan estas liñas, escritas por Juana Rouco Buela nas súas memorias, son un resumo do que significou a súa vida de loita e compromiso. Esta muller converteuse nunha das figuras do anarquismo feminino tanto en Bos Aires como en Montevideo. É un paradigma do activismo político dos emigrantes galegos e todo un símbolo na loita polos dereitos da muller. A súa figura acode, novamente, á nosa memoria co gallo da reedición das súas memorias –Historia de un ideal vivido por una mujer−, desta volta pola editora de textos anarquistas LaMalatesta Editorial.

A nosa protagonista naceu en Madrid en 1889, filla de emigrantes galegos na capital de España. Aos catro anos quedou orfa de pai, o que obrigou á mai a se facer cargo en exclusiva dela e dun irmán. A difícil situación na que quedou a familia foi determinante na decisión de seguir o camiño da emigración. Deste xeito, chegan á Arxentina o 24 de xullo de 1900. O escritor Carlos Penalas, un dos maiores coñecedores dos anarquistas galegos na Arxentina, afirma que, malia nacida en Madrid, os seus pais foron obreiros galegos.

No país austral foi unha das primeiras loitadoras de tendencia anarquista. En 1904 participou como oradora no mitin do primeiro de maio, organizado pola Federación Obrera Regional Argentina (FORA) e o Partido Socialista; este acto foi violentamente reprimido pola policía. Tamén en 1904 participou no congreso da FORA representando aos obreiros da Refinería Argentina de Azúcar de Rosario, que estaban en folga.

En 1907, xunto con Virginia Bolten, María Collazo e Teresa Caporaletti, organizou o Centro Feminino Anarquista. Este centro pretendía ser un espazo para a divulgación do ideario ácrata entre as obreiras e as mulleres do pobo. Participou activamente no movemento contra o aumento dos alugueiros. Nesta folga Juana Rouco destacou pola súa capacidade organizativa e por unha tempestuosa oratoria, que acadaron mobilizar á maioría dos conventillos de Bos Aires. Acudimos ás memorias de Juana Rouco para observar a crueza desta folga: «Ocho mujeres cargaban a pulso el féretro del niño asesinado por la policía comandada por Ramón L. Falcón. Pero el camino hecho a pie, desde Barracas hasta Chacarita era largo, entonces se turnaban con otras mujeres. Aunque en algún punto hubo que dejar el cajón en la calle para defenderse de la represión policial que ni a los muertos respeta. Detrás del ataúd, cerca de 700 vecinas de los conventillos encabezaban una columna de más de 5.000 trabajadores que abandonaban talleres y fábricas para concurrir al sepelio del joven mártir. Era un cortejo imponente de los vecinos más pobres de Buenos Aires».

Juana Rouco foi deportada a Europa de resultas do atentado contra o presidente Figueroa Alcorta. Residiu en Marsella e Xénova, relacionándose con anarquistas franceses, españois e ingleses. Axiña decide volver ao Río da Prata, asentándose en Uruguai. En 1909 participou na creación en Uruguai do xornal La Nueva Senda. A súa participación nos mitins de protesta polo fusilamento de Ferrer i Guàrdia en Barcelona ocasionáronlle novas persecucións. En 1910 foi detida en Bos Aires sendo extraditada a Uruguai. Tras un ano en prisión foi posta en liberdade, volvendo a militar no anarquismo uruguaio.

En 1914 decidiu marchar a Europa, ao ser descuberta no barco que a levaba foi desembarcada en Brasil. Así, residiu en Río de Janeiro durante tres anos, nos que alternou o seu oficio de pasadora do ferro e o seu activismo sindical. No Brasil Juana Rouco continuou co seu papel de proselitista anarquista. Entre os actos nos que participou debemos destacar unha conferencia ofrecida na sociedade “Juventud de Tabueja”, entidade que se dedicaba a soster unha escola na parroquia de Taboexa (As Neves, Pontevedra). Sobre este feito comenta «Este hecho fue para mi por demás simpático, que desde el Brasil, fuera sostenida una escuela en España…». A preocupación dos anarquistas pola educación, tanto da infancia como dos propios militantes, é unha constante que podemos apreciar nas páxinas da autobiografía de Juana Rouco.

En 1917 regresou a Bos Aires, onde participou activamente nas loitas sociais da época. Entre 1922 e 1924 participou na edición do xornal Nuestra Tribuna na localidade de Necochea (Provincia de Bos Aires), dirixido especificamente para as mulleres. Como precedente á fundación deste xornal, en 1921 Juana Rouco xa participara na fundación, na mesma Necochea, do «Centro de Estudios Sociales Femenino», espazo de debate sobre temas relacionados coa vida privada e pública das mulleres. O ano 1921 foi moi movido para Juana Rouco, pois visitou numerosas localidades arxentinas como parte de varias xiras propagandistas favorecidas polo Consello Federal da FORA. A publicación de Nuestra Tribuna estendeuse ao longo de dous anos, xusto o tempo que Juana Rouco permaneceu en Necochea; nesta cidade tamén naceu a súa primeira filla, a quen puxo por nome Poema.

Juana Rouco Buela
Unha constante ao longo das páxinas do libro de Juana Rouco é a preocupación dos anarquistas pola instrución e educación dos obreiros. En efecto, xa sexa mediante bibliotecas nos centros sociais, xa sexa pola fundación de escolas racionalistas –no ronsel das creadas por Ferrer i Guàrdia− ou ben mediante conferencias, os anarquistas crían que a revolución social necesariamente tiña que pasar pola formación dos traballadores. Neste senso, son elocuentes as palabras de Juana Rouco: «El movimiento obrero, en esos años, tenía una cantidad de gremios bien organizados y con un caudal de socios y de capacidades, que a la par que defendían sus intereses económicos, realizaban en sus respectivos sindicatos una labor cultural de capacitación intelectual. Constantemente se realizaban conferencias y cursos sobre todos los temas, y surgían así de su seno, hombres con conocimientos profundos sobre todo en los problemas sociales. Además, todos los sindicatos tenían una buena biblioteca, con toda clase de libros donde los socios tenían la fuente del saber y poder adquirir los conocimientos necesarios para conseguir su libertad integral». Nese labor de extensión cultural participou activamente a nosa protagonista, percorrendo a República Arxentina de arriba a abaixo dando conferencias.

O golpe de Estado do xeneral Uriburu en 1930 supón unha paréntese no seu papel de activista sindical. Retorna á actividade pública no contexto da Guerra Civil española, participando nas organizacións de axuda á loita republicana. Nos anos corenta, coa chegada do peronismo ao poder, volveu abandonar a militancia activa. En 1964 publicou a súa autobiografía Historia de un ideal vivido por una mujer –libro que vén de reeditarse− que conta, non só a súa vida, senón a historia das mulleres anarquistas. Deste xeito, podemos ler nas súas memorias «Pude demostrar con hechos que la capacidad de la mujer es exactamente igual a la del hombre y sólo le falta ejercicio y estímulo, ya que siempre se la ha ido colocando en un plano inferior de condiciones, haciendo abstracción de sus conocimientos y opiniones». A loita e o traballo de Juana Rouco contribuíron a que as mulleres deixasen de ocupar ese plano inferior.

Convertida nun símbolo do movemento libertario arxentino, Juana Rouco faleceu o 31 de outubro de 1969.

Historia de un ideal vivido por una mujer
Juana Rouco Buela
Madrid, LaMalatesta Editorial, 2012, 154 páxinas

19/10/12

Carlos Montenegro ou a vida como novela

Carlos Montenegro

A imaxe máis común que temos do emigrante galego é a do dependente de comercio nunha concorrida rúa de Bos Aires ou da Habana. Esta visión, aínda sendo certa, non dá a medida exacta do que foi a emigración galega. Houbo, en efecto, moitos galegos dedicados ás tarefas comerciais, industriais ou mesmo agrícolas, mais podemos atopar tamén unha minoría de galegos que destacou no eido das letras, ben como xornalistas, ben como escritores. É o caso de Carlos Montenegro. 

A vida de Carlos Montenegro parece sacada dunha das súas novelas e, porén, foi real: dramaticamente real. Pouco coñecido en Galiza, Montenegro é un dos principais narradores cubanos do século XX. Os seus libros están marcados polas súas intensas vivencias.

Achegámonos á súa vida e á súa obra nun breve traballo publicado no último número da revista Madrygal. Revista de Estudios Gallegos

26/07/12

A MEMORIA EPISTOLAR DA EMIGRACIÓN


O renovado interese polo suxeito levou a considerar novos enfoques nos estudos migratorios. Así, fronte á anterior visión na que só primaban os continxentes emigrados, entendidos como masas despersonalizadas, as novas investigacións reforzan o papel do individuo e as súas relacións. É deste xeito como xorde o concepto de rede ou cadea migratoria, que fai fincapé nas relacións persoais para explicar os movementos de persoas. Xa que logo, seguindo os presupostos teóricos da “Escola de Manchester”, a nova historiografía das migracións concede gran importancia ás fontes de carácter persoal, dentro das cales os epistolarios ocupan un lugar sobranceiro. Nesa liña inserimos o libro que imos comentar. Trátase de Una familia y un océano de por medio. La emigración gallega a la Argentina: una historia a través de la memoria epistolar, obra da investigadora arxentina María Liliana Da Orden. O volume foi galardoado co VII Premio de Ensaio “Manuel Murguía” que convoca a Deputación Provincial da Coruña.

O emprego de coleccións de cartas na análise da emigración galega foi frecuente nos últimos anos[1]. Ora ben, fronte a exemplos anteriores, a maioría das cartas analizadas neste libro teñen orixe en Galiza. En efecto, trátase das misivas enviadas por Dolores Porto ao seu fillo Manuel Correa, emigrado desde 1952 en Mar del Plata (Arxentina). No primeiro capítulo do libro analízanse cuestións xenéricas da emigración galega á Arxentina, moi especialmente a correspondente aos anos da posguerra. Deste xeito, unha das evidencias que permite demostrar este epistolario é a existencia de cadeas migratorias entre os anos da emigración masiva e os desprazamentos dos anos cincuenta e sesenta. En efecto, a existencia de parentes que estiveran emigrados en Bos Aires a comezos do século, máis a existencia doutro familiar en Mar del Plata que o reclamou, axudan a entender a elección de destino por parte de Manuel Porto. En palabras da autora: “Más allá de la mayor información que los medios ofrecían en la época, los paisanos, y sobre todo los parientes, tenían una notable incidencia en la elección de uno u otro polo…” (p. 21). Compréndese, así, que as cartas sexan unha fonte privilexiada na investigación destas cadeas migratorias. Outra singularidade que permite apreciar este epistolario é a influencia das emigracións de mediana distancia, que precedían ao cruce do océano. Salvaterra de Miño, de onde era natural Manuel Correa, tiña unha importante presenza de emigrados en Portugal e noutras cidades galegas como Vigo ou Pontevedra.

A lectura atenta destas cartas axuda a comprender as características máis destacadas da emigración de posguerra, cuestión que a autora realiza no segundo capítulo do libro. Unha vez máis a fonte epistolar está informando de estreita relación que existía entre emigrados e lugar de orixe. Así, Manuel Correa era informado e consultado frecuentemente sobre temas da súa localidade natal, conflitos familiares e outras cuestións que minimizaban por completo a distancia. É dicir, existía unha perfecta comunicación entre a parroquia de orixe e a “parroquia de alén mar”, en feliz denominación de Xosé Manoel Núñez Seixas[2]. Estas cartas tamén axudan a repensar o papel desenvolvido polas mulleres que quedaban en Galiza, unha vez que a figura masculina partira para a emigración; neste senso, Dolores Porto tivo que asumir funcións que na época era exclusivas dos homes. Outro tema de reflexión que presenta a autora, á luz destas cartas, é o papel da escritura e da lectura no mundo rural galego. A familia Correa Porto posuía grandes habilidades á hora de escribir, e mesmo demandaba produtos de lectura, polo que, en que medida a emigración axudou a potenciar estes temas en Galicia? Cuestións chave na análise das migracións como as remesas (de diñeiro ou doutro tipo) tamén atopan un lugar nestas cartas, así como o sempre previsto retorno, máis complicado na emigración de posguerra debido ás maiores posibilidades de ascenso social e á democratización da educación, que permitía unha completa inserción dos fillos dos emigrantes.

Como sinalabamos ao comezo do segundo parágrafo, estas cartas teñen a súa orixe en Galiza, o que lles dá un enfoque diferente ás publicadas até o momento. Esta idea é o cerne do terceiro, e derradeiro, capítulo deste libro. Tal e como escribe María Liliana Da Orden: “…por haber sido escritas en el origen, las cartas del epistolario Correa Porto constituyen una suerte de ventana que permite observar el impacto de la emigración de posguerra en la vida de los que permanecieron” (p. 71). O máis destacado neste capítulo é, ao noso xuízo, comprobar como a emigración non logrou fender o papel asignado á familia polos galegos, moi en particular o encargo asignado aos fillos de coidadores dos seus pais anciáns. En efecto, o océano que arredaba Salvaterra de Mar del Plata non podía impedir a preocupación de Manuel Correa pola súa nai, a cal se deixa ver constantemente nestas cartas.

Porén, este epistolario contén aínda outros tesouros, tales como as cartas remitidas polo pai de Manuel Correa emigrado en Cuba ou fotografías que ilustran diversos aspectos da aventura migratoria desta familia. Debemos de destacar tamén que numerosas cartas atópanse reproducidas de xeito íntegro nun anexo deste libro, co que, sen dúbida, han de ser unha fonte destacada a futuras investigacións. Xa que logo, debemos de saudar a aparición desta obra polo que ten de contributo ao coñecemento da emigración galega contemporánea.


UNA FAMILIA Y UN OCÉANO DE POR MEDIO. LA EMIGRACIÓN GALLEGA A LA ARGENTINA: UNA HISTORIA A TRAVÉS DE LA MEMORIA EPISTOLAR
María Liliana Da Orden
Barcelona, Anthropos Editorial / Deputación Provincial da Coruña, 2010, 173 páxinas



[1] Podemos sinalar, sen ánimo de exhautividade, algúnhas das obras que analizan epistolarios de emigrantes galegos: SOUTELO VÁZQUEZ, Raúl: De América para a casa. Correspondencia familiar de emigrantes galegos no Brasil, Venezuela e Uruguai, 1916-1960, Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 2001. NÚÑEZ SEIXAS, Xosé Manuel e SOUTELO VÁZQUEZ, Raúl: As cartas do destino. Unha familia galega entre dous mundos (1919-1971), Vigo: Deputación Provincial da Coruña / Editorial Galaxia, 2004.
[2] NÚÑEZ SEIXAS, Xosé Manoel: “A parroquia de alén mar: algunhas notas sobre o asociacionismo local galego en Bos Aires (104-1936)”, Semata, nº 11, 1999, p. 345-379.


Reseña publicada en Murguía, Revista Galega de Historia, nº 25, xaneiro-xuño de 2012, p. 135-137.