26/06/08

Pombiña sociata


A pombiña que vedes na imaxe está estudando o libro de estilo do PSOE. Alguén lle comentou que a prepotencia era condición sine qua non para entrar no partido de ZP. Pobre pombiña, de todos os pecados capitais o da soberbia paréceme o menos desculpábel. Aínda así, a boa da pombiña foi á sede do PSOE e déronlle un curso rápido de como chulear a outros paxaros. Co conto de que son progresistas todo vale. Iso si, menos mal que a pombiña poderá vir voando a Galiza, porque de ter que agardar polo tren de Alta Velocidade non ía chegar nunca. Xa sabedes, a ministra de Fomento volveu anunciar no Senado un novo retraso no AVE galego. En fin, menos mal que hoxe cúmprense cen anos do nacemento de Salvador Allende, un verdadeiro socialista. El demostrou que a esperanza, a ilusión e paixón polas cousas son o adubo necesario da vitoria. Marzo de 2009 agarda por nós.

Post scriptum: notaran os lectores e lectoras desta bitácora que o seu autor ten certa tendencia a, digamos, desfacerlle os cadullos ao PSOE. Si. Préstalle moito. Pero tamén acepta críticas e puntalizacións, pois como non é do PSOE non se cre en posesión da verdade absoluta. Por certo, non escribe PSdeG por que lle dá a risa.

15 comentarios:

Anónimo dixo...

Musiño, de novo, ironía da fina. Non serei eu quen te retruque (polo momento)! Bicos, guapo.

Unknown dixo...

Moi boas!

Moitas grazas por visitaren o meu blogue! Estiven botándolle un ollo ao teu e a verdade é que tamén me gustou moito.

Vouche pór unha ligazón ;)

Saúdos dende Cabanas

Anónimo dixo...

Estás que te saes, a min sí que me presta ler isto, jajajajajajaj, vanche andar co lombo os do PSOE,sobre todo un que nós sabemos: A.M.
Por certo parabéns para o oitenteiro de Moucide de parte da "esixente mariñana"
bikos

Prudencio Viveiro Mogo dixo...

Oxalá todos os do PSOE foran como A.M., as cousas serían moi distintas. Tamén haberá outras moitas excepcións, eu non o nego. O blogue é un espazo aberto a todos, así que se queren facer comentarios ou puntualizacións que o fagan. Mentres tanto, e parafraseando un vello artigo de X. M. Beiras, "os socialistas galegos somos nós".

Maria Soliña dixo...

Eres xenial. Lástima non estares mais polo Valadouro, necesitamos de xente coma tí.

H. dixo...

OK, Pruden. De todas formas, déixoche unha manida frase célebre desas que se atopan por aí.

Todas as xeneralizacións son peligrosas, incluida ésta.

Alexandre Dumas (fillo)

Hai que recoñecer que o tipo era coñero...

Bicos!!

Prudencio Viveiro Mogo dixo...

Si, acepto que é unha xeneralización. E tamén recoñezo, como xa dixen no comentario anterior, que hai excepcións (incluso moitas). Unha vez máis, recorro á ironía para describir o que percibo, tanto a través dos medios como por experiencia persoal. Pero tamén é certo que atopei a persoas vencelladas ao PSOE coas que foi un pracer e un privilexio colaborar.

Anónimo dixo...

Hola Pruden,son a Pombiña Sociata.Por certo,na realidade son mais guapa que na foto.Escríboche estas líneas para axudarche a completar esa breve historia comtemporanea do Valadouro que tú tan brillantemente relatas.
Esquecenseche un par de cousas que me parecen dignas de recordar:
-Os presupostos do Valadouro,excepto a parte correspondente ao capitulo de gato ordinario,ou sexa,as inversións do capitulo extraordinario,tamén a aprobaron os vosos concelleiros.Así que menos lobos
-Por certo,cal é o porcentaxe que destinan a gasto corrente e de personal os concellos de:Ribadeo,Monforte,Mondoñedo e Riotorto?
-Esqueceche tamén relatar cómo co apoio dos concelleiros do PSOE e a transfuga que ti mencionas,o portavoz daquela do BNG(J)saíu elixido representante na mancomunidad Río de Ouro,podendo condicionar a súa presidencia.A resposta a tal apoio foi non ir ao pleno de Constitución,propiciando así que a presidira un concelleiro do PP(BRILLANTE!)
-Espectacular tamén as negociacions despois das eleccions municipais,torpedeadas polo BNG local dende o primeiro momento
-Das inversions en Moucide,polo momento só decirche que si non o consideras oportuno,seguramente calquer outra parroquia,este encantada de recibilas
-A fonte fas ben criticala,evidentemente,as que restauraron as consellerías en mans do BNG ca túa intermediacion quedaron moitisimo mellor
Os comentarios rematan aquí(de momento) y para despedirme por hoxe,unhas preguntiñas que espero que atopen resposta:
-Que che parecen as xuntanzas dos maiores en Carballiño e Vilalba?
Por certo,polo que me dixo "un colega paxariño" seica comeron polbo!Erexía!
-Como calificas que os lideres locais do BNG anden repartindo subvencions nun sobre con diñeiro contante e sonante?
e por agora nada mais...
Ai!caeume unha pluma,carallo!

por certo,antes de despedirme definitivamente...quero aclarar que esa foto foi tomada nun curso,efectivamente subvencionado pola conselleria de Cultura.

Prudencio Viveiro Mogo dixo...

Vaia, vaia, non pensaba eu que criticar o goberno de coalición entre o PSOE e o PP no Valadouro íalle sentar tan mal a algúns, que por certo se ocultan detrás do anonimato, eles verán. A discusión e posterior aprovación dos orzamentos foi unha auténtica vergoña. Como esperpéntico foi ver como o alcalde o o portavoz do PSOE tentaban, cada un ao seu xeito, de apropiar dos presupostos. Veremos o que acontece cando xa non haxa tanta alegría sen os cartos das licenzas de obras! A respecto do que pasa noutros concellos, pode vostede preguntarllo aos concelleiros do PSOE que fan parte dos gobernos municipais, nada máis fácil. O que ten que aprender o PSOE no Valadouro é que o BNG ten un proxecto político PROPIO, e que non estamos, unica e exclusivamente para favorecer a política do PSOE e, en última instancia, favorecer a súa chegada ao goberno local. Non abonda xa de paternalismo. A ver se aprendemos dos últimos resultados electorais locais. Falamos de transfugas? Como se chama o concelleiro que, sendo elixido nas listas dunha candidatura, acaba marchando sen entregar a súa acta? Sabedes que existe un pacto antitransfuguismo que impide aos partidos que o asinaron aproveitarse dos transfugar para facer política, pero non só para as mocións de censura (que tamén se vos pasou pola cabeciña... a que si!) senón tamén non día a día da vida municipal. Vós veredes. Aínda seguides falando do pasteleo para tentar formar goberno, chamar a iso negociacións é ser moi obtimista, ou pretendiades ter alcaldesa de Terra Galega (pero mira que vos gustan os do PP de toda a vida!). A respecto das fontes, paréceme estupendo que se arranxar a dos Mes, o que pasa é que a ver se á próxima o fan ben á primeira, non a estropean e así non teñen que volver. Lémbrolle que o BNG presentou unha moción no seu día para a fonte de Vilares. Moción aprobada, por certo, por unanimidade. Eu, estimado amigo, tamén teño unhas poucas: que fai o sr. presidente da Deputación por Ámérica, si, xa sei, visitando aos nosos emigrantes (ou debería dicir pasando a pucha), pero non vos chegou xa co tema da axente electoral de Muxia, que motivou unha comisión de investigación no Parlamento. Por certo, a ver se lles metemos présa aos xefes e axilizamos a reforma do voto emigrante. Vós mellor ca ninguén sabedes os problemas que dá o voto por correo. Remato. Acepto de bo grao a súa ironía e felicítoo sinceramente. A crítica política debe ser sempre aceptábel. Non se me enfade vostede por facelos pombas, sería peor que vos puxera como gaivotas, aínda que visto o visto moita diferenza, a verdade, non hai.

jotavaladouro dixo...

Sobre o que di Pombiña sociata duas consideracions:

Presupostos: O problema do concello do valadouro e que se estan disparando os gastos corrente en base a ingresos estraordinarios. O que significa que cando non haxa cartos de licencias, o concello do valadouro vai ter un serio problema. Por poñer un exemplo: para equilibrar os presuposotos deste ano o PSOE considerou que se ian ingresar 300.000 euros de licencias urbanisticas. A dia 31 de agosto so se ingresaran 75000 euros e non hai prevision de ingresar mais. A conclusion e clara, vamonos acabar en deficit de 225000 euros. E para o ano que ven, que non vai haber ingresos de licencias, e donde o goberno "amigo" de madrid vai reducir os cartos para os concellos ¿que vamos facer?.

O PSOE apoiou o incremento de gasto, ¿vai apoiar as subas de impostos e a creacion de novos impostos necesarios para pagar ese incremento de gasto ou vai pedir que o concello do valadouro se comence a endeudar ou ...?

E respecto o apoio dos presupostos, ata donde eu chego os presupostos votanse globalmente, e o BNG votou en contra ¿A que te refires ti co apoio parcial?

E respecto a negociacion, eu estou orgulloso de non ter intentado comprar a naide ofrecendo farmacias a cambio. ¿Poden decir o mesmo o resto de participantes da negociacion? ¿A que te refires por torpedear a negociacion, a que non entramos na subasta e non intentamos comprar a naide?

Anónimo dixo...

jajaja...
por favor,que inxenioso Sr.Prudencio.O das pombas e as gaivotas vai ser algo que supere ao camarote dos hirmans Marx.
en fin,ao tema:
-Jota,vexo que se enterou vostede moi ben do asunto,como se nota que vai vostede aos plenos ehh!!
lastima que cando estivera no concello non asistira,pero en fin...
-Eu xa sabía que as propostas para amañar as fontes do Valadouro saíran do BNG,de quén si non!
pero permitanme recordarlles que se están sendo amañadas,non foi gracias a Vds.
-E iso de que os socialistas galegos son vostedes,ejem,non me parece unha frase moi axeitada,pero todo se pode esperar neste mundo.
-O PSOE nunca intentou comprar a naide nas negociacions posteriores ás eleccions municipais,pero apoio a postura do BNG,aqueles que apostan polo "cambio radical" galego,e que despois botánse atrais á hora de que as palabras se convirtan en feitos.Iso dásevos moi ben,a palabra,os feitos xa non tanto

P.D.:Chámademe a Pombiña,ou A Pulpa se o preferides
jajaja
;)

a seguir así,vostedes demostran como NON se debe facer política


bicos

Prudencio Viveiro Mogo dixo...

O do camarote dos irmáns Marx é algo que lle vén perfectamente ao PSOE, é o único marxismo que lle quedou, o outro, o de Carlos Marx, xa o liquidou Felipe González no seu día. Mire, querido veciño, cando eu digo que os socialistas galegos somos nós dígoo porque penso que a práctica política así o demostra, pero tamén porque a historia abala as miñas palabras. Un pouquiño de historia. Na altura de 1975, ano en que morre o ditador, a única organización socialista que existía en Galiza era o Partido Socialista Galega (PSG), que tiña por secretario xeral a Xosé M. Beiras. O PSG foi un dos partidos históricos que xunto coa UPG e o PCG, protagonizaron a resistencia democrática contra o franquismo en Galiza. Tamén na altura de 1975 o PSOE era un partido inexistente en Galiza. Foron os cartiños da socialdemocracia alemá os que pagaron o desenvolvemento do PSOE en Galiza. O PSG non desaparece, co tempo a maioría dos seus militantes acabarían integrándose no BNG. Se vostede quixer profundizar no tema eu, con moito gusto, doulle a referencia dun artigo que publiquei fai tempo sobre a historia do PSG. Por iso, prezado veciño, digo que os socialistas galegos somos nós, como escribiu Beiras en 1982 no limiar do seu libro Por unha Galiza liberada. Cando vostede di que o compañeiro Jota non asistía ás sesións plenarias, refírese a que asistía máis ou menos que o portavoz do PSOE na anterior lexislatura? Os resultados electorais abalaron o traballo dos compañeiros Jota e Néstor, que, se non decidiron participar no pasteleo que seguiu ás eleccións foi pola súa honestidade política. Unha decisión que, dígollo por se non o sabe, foi refrendada pola Asemblea local do BNG. Mire, as palabras e os feitos do BNG veñen abalados polos resultados electorais no Valadouro, pois foi medrando de eleccions en elección. Eu xa sei que o PSOE considera eses votos como prestados, pero que lle imos facer: nós non lle temos a culpa de que a xente non lles vote máis. En fin, prezado visitante dixital, xa sabe que neste blogue ten a súa casa. Cordialmente.

jotavaladouro dixo...

Para a pomba:

Eso de que non ia os plenos hai que demostralo, pero en fin , soltar calumnias dende o anonimato e moi facil.


Pero polo menos poderia contestar os argumentos.
¿A que refires co apoio parcial os presupostos do BNG?
¿Esta de acordo en que nos presupostos que aprovou o PSOE se incrementou o gasto en persoal e en servicios xerais a contas das licencias?
¿Esta de acordo en que agora temos un problema, dado que non existen tantos cartos para licencias como o PSOE pensaba ou decia que pensaba?
¿Que vai o PSOE facer para o ano, cando haxa 300000 euros menos para gastar?
¿Vai o PSOE apoiar a suba de impostos necesaria para aguantar a suba de gastos que apoiou neste presupostos?

E respecto a como facer politica, pola nosa culpa nunca houbo que repetir unha eleccions, cousa que outros non poden decir. O mellor nunca ganamos as eleccions, pero polo menos podemos andar coa cabeza alta. Entendo que esteñades cabreados, contabades cun minimo de 5 concellais e mira como acabou o conto.


Por certo, e falando das negociacions, o PSOE e a segunda vez (cos mesmos protagonistas por parte do psoe e con distintos grupos politicos e persoas polo resto) que pode formar un goberno de coalicion e non e capaz; claro que o mais facil e pensar que e culpa do mundo, que todos son moi malos e estan contra nosoutros.

A pomba,que non da morto... dixo...

Pero digame unha cousa prezados compañeiros de concello...que o mundo esta contra nós foi unha idea "Made in BNG " desde tempos inmemoriables.O seu discurso é moi fácil,tachar a todo o mundo de fascista e declarar que ninguén ten uns ideais tan puros e marxistas coma vostedes.Non é así.Todos sabemos que os ideais do nacionalismo hoxe por hoxe no Valadouro están máis que mortos,queda algún pensador que resiste sempre ao invasor pero...

Prudencio Viveiro Mogo dixo...

Si, os ideais do BNG están mortos no Valadouro, se cadra por iso sacou máis do 20 por cento dos votos nas últimas eleccións autonómicas, e se cadra tamén por iso foi a única forza política que subiu en votos; malia toda a propaganda que fixeron algúns e que de pouco lles valeu. Mire, o BNG do Valadouro ten programa política e ter persoas preparadas para levar adiante ese programa. Déixen de mirarse ao espello e pensen que para derrotar ao PP vai facer falta o traballo de todos. Aí estará o BNG pero, advertimos, non a calquera prezo, e, por suposto, coa maior transparencia para a cidadanía do Valadouro. Do tema marxista non falamos porque ao PSOE iso xa lle queda moi lonxe, é unha magoa! De todos os xeitos, neste 2009 cúmprense cento dez anos da publicación de "As premisas do socialismo e as tarefas da socialdemocracia" de Eduard Berstein, un dos teóricos da socialdemocracia alemá. Ala, xa teñen lecturas para o verán. Xa se decatarán do que aprenden. Mentres tanto eu renóvolle os meus saúdos e o meus mellores desexos para o futuro (común?).