01/06/15

LEMBRANZA DE XAN DE MASMA

Xan de Masma (Mondoñedo, 1850 - A Habana, 1900)
De entre os variados autores que dan brillo ás letras mindonienses queremos lembrar hoxe a figura de Xan de Masma. Se cadra non é un dos escritores máis coñecidos, mais non por iso deixa de ser digno de recoñecemento e, facemos fincapé na suxestión, necesitado de recuperación.

Xan de Masma, alcume literario de Patricio Delgado Luaces, naceu en Mondoñedo o 6 de agosto de 1850. Decidido valedor da causa carlista, seguía neste senso o mesmo camiño que outros mindonienses sobranceiros, á cabeza dos cales podemos situar o bispo López Borricón. A súa militancia a prol da bandeira de don Carlos VII valeulle ser encarcerado en 1872 no castelo de Santo Antón na Coruña. Posteriormente sería desterrado a Cuba, onde desenvolveu un intenso labor literario.

Na Habana participou en varias empresas xornalísticas, destacando polo seu vencello á revista Follas Novas, unha das principais publicacións dos emigrantes galegos na capital de Cuba. Sería precisamente nesta revista onde Xan de Masma publicaría por entregas a súa novela ¡A Besta!, entre 1899 e 1900. A novela de folletín foi un dos principais produtos culturais do século XIX, a este modelo de literatura recorreu tamén a prensa galega da Habana.

A novela está dividida en dúas partes. Na primeira coñecemos a Pepiña, filla de labregos de Viloalle. A moza está sometida á presión de don Policarpo, cacique que xa abusara doutras mulleres. A insistencia do vello patrón obriga a Pepiña a abandonar a súa casa e marchar ao Cadramón, nas terras do Valadouro, onde prospera como criada do crego desta parroquia. Na segunda parte do romance o autor presenta a don Pedro, heroe carlista natural do Cadramón que, tras numerosas peripecias na fronte de loita no País Vasco e no exilio de París, regresa á súa parroquia natal. Como non podía ser doutro xeito, a novela remata coa voda de Pepiña e de don Pedro.

A maioría dos críticos sitúan esta obra dentro dos parámetros da novela naturalista, hexemónica no derradeiro terzo do século XIX. Aínda así, a denuncia que fai o autor das inxustizas e das opresións sufridas polas camadas máis desfavorecidas, fai que o texto de Xan de Masma poida tamén ser considerado como un ensaio de novela socio-política. Cómpre sinalar, porén, que a redención proposta polo autor era de claro talante conservador, tal e como correspondía á súa ideoloxía tradicionalista.

Xan de Masma faleceu na Habana o 25 de abril de 1900. A el debémoslle a autoría dunha das primeiras novelas longas en lingua galega, paradoxalmente publicada ben lonxe das nosas fronteiras. Outro exemplo máis do moito que Galiza debe aos seus emigrantes, que tanto fixeron polo cultura deste país. ¡A Besta! foi reeditada pola Editorial Galaxia en 1993, polo que se atopa dispoñíbel para todos os lectores que queiran gozar dunhas fermosas páxinas do mindoniense Xan de Masma.

Artigo publicado en A Mariña-El Progreso, 26 de abril de 2015, páxina 8

1 comentario:

Pepe de Noriega dixo...

Foi confirmado en brazos dos seus pais con Ramona Fernández de Noriega e irmáns... Cornejo dirixiu a Partida e cuidou a Noriega e ao seu irmán. Unha Tradicción sen contar...! Aí andamos e Cidre ten muitas cartas que aportan muita historia dos Carlistóns...