28/04/17

A CONSTITUCIÓN DE 1812 E O NACEMENTO DA PROVINCIA DE LUGO

A Constitución promulgada o 19 de marzo de 1812 supuxo unha profunda transformación no xeito de entender a política e a administración. Esta Constitución foi a obra máis importante das Cortes inauguradas en 1810. No contexto da crise institucional producida tras a invasión das tropas francesas, os deputados reunidos en Cádiz construíron un novo edificio político baseado na soberanía nacional. Atrás quedaban séculos de poder absoluto dos reis, o feudalismo ou institucións tan deostadas como a Inquisición. Non tardarían en chegar os cambios tamén a Lugo, na cidade promulgouse e xurouse a Constitución os días 6 e 7 de agosto de 1812.

A Constitución promulgada en Cádiz aparece, as máis das veces, case en exclusiva relacionada cos anos da guerra contra os franceses (1808-1814). Sen deixar de ser certo, debemos de lembrar que a Constitución de 1812 estivo tamén vixente noutras dúas ocasións. Durante o coñecido como Trienio Liberal (1820-1823), época na que, como veremos, máis afectou á organización do territorio. E, finalmente, a norma gaditana tamén estivo en vigor a partir de agosto de 1836, cando un pronunciamento a volveu rescatar, aínda que sería de xeito moi breve, pois case que decontado daría paso a unha nova Constitución: a de 1837. Deste xeito, o 28 de agosto de 1836, tiña lugar en Lugo unha nova cerimonia de acatamento da Constitución de 1812.

A arquitectura institucional deseñada pola Constitución de Cádiz tamén supuña unha nova organización do territorio. Como afectou esta nova orde a Galiza? E a Lugo? Quizais para entender mellor os cambios que levou á periferia a Constitución de 1812 hai que partir de cal era a situación precedente. Nos comezos do século XIX o territorio do que no futuro ía ser a provincia de Lugo atopábase parcelado en dúas provincias: Lugo e Mondoñedo. Debemos explicar, non obstante, que as antigas sete provincias galegas non eran equivalentes ás actuais provincias. Non tiñan unha entidade administrativa de seu, non contaban con organismos propios. Sería, precisamente, a Constitución de 1812 a que lle daría unha entidade administrativa á provincia.

E quen tiña o poder en Galiza antes da Constitución de 1812? Pois a máxima autoridade política era o Gobernador, nomeado directamente pola Coroa e con sede na Coruña. O Gobernador era tamén o Capitán Xeneral e o presidente da Audiencia do Reino, importante institución cuxas competencias ían máis alá do ámbito xudicial, sendo un organismo de control social e político. O poder local estaba constituído por unha complexa rede de xurisdicións, onde cada señor exercía, a un tempo, funcións políticas, xudiciais ou de facenda. Lugo e Mondoñedo tiñan nos seus respectivos bispos os principais señores xurisdicionais.

A promulgación da Constitución en 1812 revolucionou completamente a organización do territorio. Así, os lexisladores gaditanos crearon dúas institucións para o goberno das provincias. A primeira delas sería o denominado Xefe Político, nomeado directamente polo Goberno e que podemos considerar un antecedente inmediato do Gobernador Civil. A outra institución creada pola Constitución de 1812 foi a Deputación Provincial, que a diferenza do Xefe Político, sería electa por sufraxio nas mesmas provincias, aínda que a presidencia da mesma correspondería ao Xefe Político.

Agora ben, o nacemento destas institucións non quere dicir que Lugo contara desde o mesma promulgación da Constitución cun Xefe Político e cunha Deputación. Por que? Pois porque aínda quedaba por realizar unha nova división provincial, que racionalizara a complexa división da monarquía española. A mesma Constitución prevía, no seu artigo once, a necesidade unha nova estrutura provincial. Mestres esta división non se produciu, Galiza foi considerada como unha única provincia, contando cun Xefe Político e cunha Deputación Provincial única. Habería que agardar até a época do Trienio Liberal, concretamente ao ano 1822 para ver nacer a nova provincia de Lugo, contando naquel momento xa coa súa propia Corporación provincial.

Javier de Burgos (1778-1848)
A división provincial é atribuída en exclusiva ao granadino Javier de Burgos en 1833. Se ben é certo que foi este persoeiro, como ministro de Fomento, quen asinou o Real Decreto que estabelecía o mapa provincial que chegou aos nosos días, os traballos necesarios para proceder á división provincial realizáronse fundamentalmente durante a época do Trienio Liberal, e foi tamén nesta época cando se fixou unha división en catro provincias de Galiza, partición que non puido callar ao reinstaurarse o absolutismo en 1823. Foi, xa que logo, en outubro de 1833 cando se consolida definitivamente a provincia de Lugo e, dous anos despois, en 1835 cando se instala outra vez a Deputación Provincial que chega á actualidade. Tamén nese mesmo ano se faría unha primeira división da provincia en concellos, estrutura municipal que se mantería até o ano 1840.

A diferenza do que ocorreu con Mondoñedo, Lugo consolidou a súa posición como capital provincial, contando ademais agora cunhas institucións de seu. Así, de facermos caso ao inglés George Borrow, que visitou Lugo en 1837, a cidade tiña arredor de seis milleiros de habitantes. Vexamos, para rematar, a descrición (a verdade, pouco amábel) que Borrow facía do Lugo daquel momento:

Está situado en lugar eminente defendido por antigas murallas. Non ten ningún edificio moi notábel e a mesma igrexa catedral é unha construción pouco significativa. No centro da cidade está a praza maior, un lugar alegre, sen cercar por esas opresivas e molestas construcións coas que os españois, tanto en tempos pretéritos como modernos, rodeaban as súas prazas. É singular dabondo que Lugo, actualmente un sitio de moi pouca importancia, tivera sido nunha época a capital de España; non obstante, tal ocorreu no tempo dos romanos, quen como foron xente non moi levada de caprichos sen dúbida que tiveron moi excelentes razóns para lle outorgar a súa preferencia á localidade”.

10/04/17

O UNIVERSO DAS IRMANDADES DA FALA

A conmemoración no ano 2016 do centenario da fundación das Irmandades da Fala xerou, como era de agardar, unha morea de publicacións. Ao seu carón, esta celebración levou aparellada a organización de varias xornadas e congresos, que no futuro han de facer xurdir, de seguro, novos volumes. Nun e noutro caso, trátase de libros corais, que ofrecen unha ollada colectiva á significación das Irmandades. Ora ben, de entre todas estas producións hai unha que destaca, tanto pola súa amplitude e detallismo como por ser obra dun só investigador. Trátase de A nosa Terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), obra do recoñecido especialista Emilio Xosé Insua, quen tamén ofrece varios contributos nesoutros libros colectivos dos que falabamos. As máis de setecentas páxinas do volume de Insua, editado por Baía Edicións, son, en si mesmas, un perfecto exemplo do que significaron as Irmandades da Fala. En efecto, nelas podemos apreciar un movemento que superou amplamente a exclusiva reivindicación da lingua, para loitar tamén pola economía, o progreso social e a cultura propia.

Emilio Xosé Insua é un gran coñecedor da vida e da obra de Antón Villar Ponte (1881-1936), feito que se deixa sentir ao longo das páxinas do libro que comentamos. En efecto, a evolución biográfica de Villar Ponte e das propias Irmandades da Fala confúndense, especialmente nas súas orixes. Non podemos esquecer que xa en 1905 o xornalista de Viveiro propuxera a fundación dunha «Liga de Amigos de Galicia», que finalmente non frutificou. Desde a súa inicial militancia no republicanismo, o noso protagonista iría progresivamente tomando conciencia dos problemas de Galiza. Neste senso, Insua sinala varios chanzos nesa evolución, que á postre remataría coa fundación das Irmandades da Fala: a súa estadía en Cuba (1908-1910), a marcha a Portugal como corresponsal de La Voz de Galicia (decembro de 1910 e xaneiro de 1911) e, sobre todo,  a súa sección “Con letra del siete” (desde agosto de 1912) nas páxinas deste mesmo xornal, onde “Antón Villar Ponte exercerá de comentarista de actualidade e traerá aos puntos da súa pluma asuntos cuxo tratamento deixa igualmente abesullar o evoluír do seu pensamento cara a unha neta definición galeguista” (p. 46). Nestes momentos previos o traballo doutrinal de Villar Ponte tamén se deixou sentir, coa publicación do folleto Nacionalismo gallego. Nuestra afirmación regional (marzo 1916). Non obstante, tamén se sinalan uns factores externos que favoreceron a creación das Irmandades: a Primeira Guerra Mundial e o agromar das nacionalidades, o exemplo doutras entidades análogas, caso de “Nostra Parla” ou o labor da revista Estudios Gallegos (febreiro de 1915 a decembro de 1916), promovida por Aurelio Ribalta en Madrid. Non obstante, Insua relativiza a influencia que a “Solidaridad Gallega” puido ter no xurdimento das Irmandades, precisamente polo feito de que Villar Ponte foi un detractor desta organización.

Fronte ao rexionalismo anterior, os integrantes das Irmandades fan da lingua columna vertebral do seu movemento, sendo tamén a base de todas as súas reivindicacións sociais e económicas. Xa que logo, estamos diante da partida de nacemento do nacionalismo galego, cuxas características, até a Ditadura de Primo de Rivera (1923), son sintetizadas polo autor deste libro en tres trazos: en primeiro lugar, a difícil implantación, reducida a núcleos intelectuais de localización urbana; en segundo lugar, uso constante do idioma propio, non sen resistencias de antigos rexionalistas que irán quedando polo camiño; e, en terceiro lugar, unha acusada pluralidade interna que se proxectará de cara ao futuro, chegando mesmo aos tempos do Partido Galeguista. A difusión do movemento irmandiño tivo tamén moito que ver co espallamento do voceiro da Irmandade coruñesa, A Nosa Terra, que vai vivir agora unha segunda xeira logo de ter sido creado en 1907 como altofalante da “Solidaridad Gallega”. No volume realízase unha minuciosa análise deste medio, por unha parte desde a perspectiva da lingua e da literatura e por outra parte nos aspectos sociais e políticos.

Fragmento da recensión publicada na revista Grial, nº 213, xaneiro-marzo de 2017, p. 110-113 (texto completo)

Emilio Xosé Insua
A nosa Terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), A Coruña: Baía Edicións, 2016.


21/03/17

RECUPERANDO LECTURAS: ARTURO CUADRADO

Entre as figuras senlleiras da cultura galega, que hoxe están practicamente esquecidas, Arturo Cuadrado ocupa un destacado papel. Incansábel promotor de empresas culturais, o seu nome está unido aos de Luis Seoane e Lorenzo Varela na difusión bibliográfica galega en Bos Aires. Cuadrado é tamén símbolo dunha Galiza que puido ser: a Galiza do exilio que recolleu os seus froitos lonxe das súas raiceiras. Que mellor xeito que lembrar a súa figura que rescatar unha lectura de 2004 dedicada á súa vida e á súa obra.

* * *

Ás veces o cualificativo de polígrafo fica curto para definir a un autor. Cremos que ese é o caso do xornalista e poeta Arturo Cuadrado Moure. Sen dúbida, Cuadrado foi autor dunha ampla e variada obra, mais a súa importancia vai alén das páxinas que nos deixou. En efecto, se tiveramos que subliñar un aspecto da súa vida, destacariamos o seu labor de propagandista, de divulgador da cultura en todos os sentidos; de achegar a súa obra, e a doutros, ao pobo. Esta fasquía de Cuadrado como dinamizador cultural é a que máis destaca no libro que recensionamos. O seu autor, Antonio Manuel Chaves Cuiñas (Cambados, 1959), coñeceu persoalmente e tratou durante moitos anos a Cuadrado, cuestión que se reflicte acotío nas páxinas desta biografía, por veces haxiografía.

Arturo Cuadrado Moure naceu en Denia, cidade da provincia de Alacante a onde emigrara seu pai (de orixe castelá) e súa nai (natural de Santiago de Compostela). En Denia residiría até 1918, nese ano o andazo de gripe segaría a vida de seu pai e un irmán maior, motivando asemade a marcha da familia á terra natal de súa nai. O libro estruturase arredor de pequenos capítulos, nos cales o autor profundiza no labor de Cuadrado a prol da cultura galega. Malia que o autor non fai unha agrupación destes pequenos episodios, poderiamos observar nidiamente neste libro tres grandes etapas. En primeiro lugar, a etapa que vai até a Guerra Civil, ocupa a parte máis extensa do libro e nela atopamos a Cuadrado como iniciador de multiplas empresas culturais na cidade de Compostela. Neste senso, cómpre destacar a súa participación na creación dos xornais El País Gallego e Don Claro, entre outras publicacións periódicas. Ora ben, se hai un elemento recorrente ao longo de todo o volume ese é Resol. En efecto, estamos diante dunha das iniciativas culturais máis sobranceiras de Arturo Cuadrado. A publicación desde 1932 da folla Resol contribuíu notabelmente á difusión da poesía e ao coñecemento dos principais autores do momento, xa fosen galegos, españois ou estranxeiros. Ao traballo citado habería que engadir o seu labor como editor (no selos Niké ou Resol), a difusión da cultura entre o pobo a través do Comité de Cooperación Intelectual (1932) ou o seu papel de activista republicano e loitador pola autonomía de Galiza.

O comezo da Guerra Civil -segunda etapa deste libro- sorprendeu a Arturo Cuadrado en Madrid, como membro da comisión encargada de facer entrega do Estatuto galego ás Cortes da República. Malia o conflito, o labor cultural de Cuadrado non decae. Así, participará de xeito activo na propaganda cultural do exército republicano. Á súa colaboración en diversos xornais súmase tamén a publicación dun libro de poemas: ¡Aviones! Poemas de la guerra (1937). De todo o labor levado a cabo por Cuadrado nesta época, quere o autor destacar especialmente a súa participación na edición do libro de Pablo Neruda España en el corazón (1937). Deste xeito, son particularmente interesantes as páxinas nas que o autor recrea a edición deste poemario en pleno conflito bélico.

A derrota republicana levou a Cuadrado ao exilio na Arxentina, comezando a terceira e definitiva etapa deste libro. En Bos Aires o seu activismo cultural non desaparece, senón que se fai aínda máis intenso. Neste senso, debemos subliñar a importancia do triunvirato que formou con Luis Seoane e Lorenzo Varela na creación de varios proxectos culturais. Sen dúbida, o labor destes tres homes a prol do libro galego na Arxentina foi fundamental. Este labor levouse a cabo a través da creación de editoras, entre as que son exemplos sobranceiros a Editorial Nova (1942) ou a Editorial Botalla al Mar (1947). Igualmente, a estes tres homes debeuse a publicación da revista Correo Literario, que sae á rúa entre 1943 e 1945 ao longo de corenta números. Na etapa americana Cuadrado seguiu a ter unha intensa colaboración en todo tipo de publicacións periódicas, destacando tamén a súa etapa como director da revista Galicia, órgano da Federación de Sociedades Gallegas. E, por suposto, a poesía. Na etapa do exilio Cuadrado deu ao prelo os seus máis importantes poemarios, entre os que podemos destacar: Soledad imposible (1952), Canción para mi caballo muerto (1963) e Ola indecisa (1970). Todo este traballo cultural fai de Cuadrado un dos principais publicistas do exilio galego na Arxentina. No país austral finou en 1998, non sen antes ter realizado varias visitas a Galiza.

Constitúe un acerto do autor o feito de intercalar ao longo do volume o que denomina “ensueños de Arturo Cuadrado”, baixo este epígrafe Chaves Cuiñas recrea a un Arturo Cuadrado en primeira persoa, falándolle ao lector das súas principais actividades culturais. No haber do autor están tamén o grande número de ilutracións que contén o volume. Non obstante, constitúe unha eiva deste libro a ausencia de citas e referencias de moitos documentos que o autor intercala no texto, que deixan ao lector na dúbida sobre a procedencia destes orixinais. Por outra parte, cremos que na primeira etapa do libro o autor abusa na reprodución das colaboracións de Cuadrado en El Pueblo Gallego, chegando nalgunhas ocasións até o anecdótico. Finalmente, consideramos un exceso o papel de vingador que o autor asome neste libro, cargando contra aqueles que denigraron a Cuadrado. Neste senso, destaca especialmente a teima que autor parece ter cara aos nacionalistas galegos, denostados en varias pasaxes do libro por presuntas ofensas a Cuadrado.

En suma, velaquí unha obra que contribúe ao pago da inmensa débeda que temos cos nosos exiliados. Neste recuperar da memoria non podemos deixar de louvar o traballo editorial de Ediciós do Castro, que desde hai ben tempo vén ofrecéndonos textos sobre a nosa emigración e exilio, xa sexa a través de recopilacións de textos, epistolarios ou, como é o caso, por medio de biografías como a de Arturo Cuadrado, un dos moitos galegos que fixo Galiza en América.

Resol de ensueños para Arturo Cuadrado
Chaves Cuiñas, Antonio Manuel
Sada-A Coruña: Ediciós do Castro, 2004, 448 páxinas

Recensión publicada na revista Estudos Migratorios. RevistaGalega de Análise das Migracións, Vol. I, nº 1 (2008), pp. 311-313.

09/03/17

RECUPERANDO LECTURAS: O UNIVERSO GALEGO DE JULIO CORTÁZAR

Francisco X. Fernández Naval publicou en 2006 un libro sobre a influencia dos galegos exiliados na Arxentina na obra de Julio Cortázar. O volume non só achega datos sobre a participación deste escritor nas empresas culturais dos exiliados, senón tamén sobre o inmenso labor desenvolvido polos desterrados galegos nas terras do Plata. Fernández Naval é un gran coñecedor da conexión galega de Julio Cortárzar. Á obra que recuperamos hoxe engadiríase en 2014 o volume O soño galego de Julio Cortázar, tamén na editora ourensá Linteo.

* * *

Con frecuencia adoitamos enxergar a emigración e o exilio como se se tratara dunha burbulla. Os emigrantes e exiliados, inseridos nas sociedades de acollida, tan só son valorados polas súas ocupacións profesionais ou polo asociacionismo étnico. Non obstante, que acontece co vivir cotián? Que hai alén dos traballos e da actividade societaria? Exiliados e emigrantes eran impermeábeis ao acontecer diario da Habana e de Bos Aires? Afortunadamente, xa sabemos moito da inserción laboral dos emigrantes galegos nas sociedades americanas, tamén do potente movemento societario e da súa influencia na sociedade galega. Ora ben, son máis raras as obras que investigan a influencia dos emigrantes nos países de acollida. A paliar esta eiva contribúe de xeito notábel o libro que imos comentar. Trátase da obra de Francisco X. Fernández Naval Respirar polo idioma (os galegos e Julio Cortázar). As páxinas deste libro infórmannos non só da importancia dos galegos na obra literaria de Julio Cortázar, senón –e isto é o importante– das múltiplas empresas culturais levadas a cabo polos emigrantes e exiliados galegos en Bos Aires; actividades que contribuíron en gran medida ao pulo cultural arxentino do século XX. De máis está dicir que Julio Cortázar foi protagonista sobranceiro desas empresas culturais.

O inicial período creativo de Julio Cortázar coincidiu coa chegada a Bos Aires dos exiliados galegos, que viñan fuxindo da guerra e da represión en España. Entre eses exiliados había un bo número de intelectuais, que non tardaron en ocupar un lugar principal na vida cultural arxentina. Entre estes desterrados galegos e Julio Cortázar xurdiu de inmediato unha ósmose que daría importantes froitos culturais. A relación de Cortázar cos exiliados galegos amósanos o gran labor cultural levado a cabo por estes no país de acollida. En efecto, nas páxinas do libro de Fernández Naval podemos comprobar a relación de Cortázar con Arturo Cuadrado ou con Lorenzo Varela, que non dubidaron en convidar ao autor arxentino a colaborar nas revistas literarias que crearon en Bos Aires. Podemos destacar, neste senso, o labor de crítica literaria que desenvolveu Cortázar na revista Cabalgata, grazas ao convite realizado por Lorenzo Varela. Porén, a brillante creación literaria de Julio Cortázar tamén tería unha importante presenza nestas revistas literarias. Así, como exemplo, podemos sinalar a publicación do relato “Bruja”, que saíu no número dezanove da revista Correo Literario, que tiña como directores a tres homes chave do exilio galego: Arturo Cuadrado, Lorenzo Varela e Luís Seoane. Deste xeito podemos comprobar como o labor cultural do exilio galego contribuíu á difusión da obra literaria de Julio Cortázar. Varios son os retratos que Luis Seoane realizou do autor de Rayuela, un dos cales, por certo, ilustra a portada do libro que comentamos.

No entanto, Cortázar non só participou nestas empresas culturais, senón que se integrou de xeito activo no ambiente cultural, no fervedoiro de ideas e proxectos, xerado tras a chegada dos exiliados galegos á capital arxentina. Se cadra, o mellor exemplo desa adopción de Cortázar polos exiliados é a súa participación na mítica tertulia do café Tortoni, a onde chega, segundo información de Fernández Naval, grazas ao escultor Lorenzo Domínguez. Nesta tertulia coñecería Cortázar a Rafael Dieste co cal non só mantería relación en Bos Aires, senón tamén na súa etapa en París. Por outra parte, o autor deste libro teima en atopar unha similitude na teoría do conto entre Dieste e Cortázar, polo que as mutuas influencias irían alén do persoal para chegar á creación literaria.

Porén, non son os comentados os únicos galegos que tiveron unha estreita relación con Julio Cortázar. En efecto, comprobamos como Cortázar mantivo unha numerosa relación epistolar co editor Francisco Porrúa, da Editorial Sudamericana. O libreiro Francisco Gil foi amigo, non só de Cortázar, senón da maioría dos escritores arxentinos que pasaron pola súa libraría. A nómina aínda é máis grande: Antonio Pérez Prado, José Ángel Valente, Ramón Chao ou Leopoldo Nóvoa completarían as relacións galegas de Cortázar. Cómpre non esquecer, polo que toca ao ámbito das relacións persoais, que o noso escritor casou con Aurora Bernárdez, arxentina filla de galegos, así como irmá do poeta Francisco Luis Bernárdez.

A posición, tan destacada, dos emigrantes e exiliados galegos na vida de Julio Cortázar non podía deixar de manifestarse na súa obra. En efecto, neste libro analízase a presenza da emigración galega na obra de Cortázar, ao tempo que se pasa revista aos principais personaxes galegos da obra deste escritor. Atopámonos, xa que logo, con don Galo Porriño, un dos protagonistas das novela Los Premios; segundo Fernández Naval: “O personaxe de Galo Porriño demostra un coñecemento profundo dos arquetipos da sociedade galega, ou de sociedades como a galega, por parte de Julio Cortázar” (p. 177). Xunto ao anterior, nas páxinas desta obra aparécenos tamén Curro, o galego propietario do local onde se atopan os personaxes de 62 Modelo para armar.

Julio Cortázar na Ponte da Ramallosa (Val Miñor) 1957
Pero, aínda máis, o profundo coñecemento que Cortázar tiña dos galegos emigrados a Bos Aires chegaba mesmo á lingua que lles era propia. Así, o galego non era unha lingua estraña para el, tal e como indica o autor do libro, que insiste en que o galego era o idioma polo que respiraban os galegos da infancia e da adolescencia de Cortázar: “Respirar polo idioma. Idioma necesario coma o aire (…)  Galegos que cantan entre os fumes que non son néboa, só traballo que lles permite alimentar o soño do regreso e, mentres chega o día, o idioma como aire” (p. 160-161). Non é esta unha percepción da saudade, a palabra máis veces repetida nas tertulias dos seus amigos galegos? Un sentimento tan propio de Galiza que non se lle escapou ao gran autor arxentino.

En definitiva, neste libro Julio Cortázar convértese nun privilexiado medio para coñecer o labor cultural dos exiliados galegos. Da importancia destas actividades non pode haber mellor exemplo que a relevancia dunha figura como a de Julio Cortázar, a quen os desterrados galegos abriron as páxinas das súas revistas. Isto suxírenos, para rematar, unha reflexión: Galiza perdeu en 1936, entre outras cousas, a calidade humana e profesional duns intelectuais que foron dar o mellor de si a outras terras, e, aínda que a bagaxe do exilio tamén nos pertence, non deixa de ser triste que todo ese labor non puidera desenvolverse no propio país. O que pasou unha vez, que non volva repetirse.

Respirar polo idioma (os galegos e Julio Cortázar)
Fernández Naval, Francisco X.
Ourense: Linteo, 2006, 211 páxinas

Recensión publicada na revista Estudos Migratorios. Revista Galega de Análise das Migracións, vol. I, nº 2, 2008, pp. 231-233.

28/02/17

RECUPERANDO LECTURAS: ESTATUTO GALEGO CON OLLOS PORTUGUESES

Desde a creación das Irmandades da Fala en 1916 as relacións culturais entre Galiza e Portugal aumentaron de xeito considerábel. Tamén o fixo o interese das elites culturais do país veciño verbo do acontecer político de Galiza, como por exemplo o proceso estatutario da II República. Deste tema trata o libro que recuperamos hoxe, que analiza o seguimento que os xornais portugueses fixeron do Estatuto galego ao longo do período republicano, ao tempo que achega un importante anexo documental sobre o impacto do Estatuto na prensa portuguesa. A obra foi publicada en 2007 pola Casa Museu de Monção (Universidade do Minho).

                                                                       * * *

Sempre é interesante saber como nos ven os demais, pois aparecen perspectivas diferentes, modos de ver as cousas que escapan da nosa visión de axentes implicados. Por iso saudamos a aparición deste libro de Norberto Ferreira sobre a autonomía galega na prensa portuguesa. Alén do tema concreto que analiza esta obra, debemos felicitarnos tamén por un volume que estuda as relacións entre Galiza e Portugal, tema necesitado de moitos traballos e achegas. Xa que logo, este libro vén cubrir un baleiro na historiografía galega, polo que, agardamos, teña moitos continuadores e seguidores.

O libro de Norberto Ferreira estrutúrase en dúas partes ben diferenciadas. O ensaio propiamente dito sobre o proceso autonómico galego durante a Segunda República, visto á luz da prensa periódica portuguesa, e un amplo anexo documental onde o autor reproduce integramente textos que analiza na primeira parte do seu libro. Enganariámonos ao considerar esta segunda parte como menor, como un simple complemento da primeira. Polo contra, os textos recollidos neste anexo son dun grande valor documental. Estamos, pois, diante dunha útil ferramenta posta a disposición doutros estudosos.

Un libro destas características non pode deixar de tratar dous temas. En primeiro lugar, as relacións históricas entre Portugal e España. Neste senso debemos afirmar que a proclamación da República en España non supuxo unha aproximación entre os dous países ibéricos. En principio, o triunfo do republicanismo en España podería facer pensar que ideas como o federalismo ou o iberismo, que tiñan as súas orixes e precedentes no século XIX, ían agromar de novo. E, no entanto, non foi así. O réxime ditatorial portugués viu a República española como un elemento desestabilizador, como unha ameaza á súa propia supervivencia. Acontecía deste xeito pola vertente esquerdista do novo réxime español. Así, para os dirixentes da ditadura portuguesa o iberismo era sinónimo de masonaría, anticlericalismo e inestabilidade, ideas que combatían. Por outra parte, o apoio das novas autoridades da República española aos exiliados portugueses facía imposíbel calquera aproximación entre os dous países. Xa que logo, as proclamas para unha federación ibérica atoparon no réxime portugués unha forte reacción nacionalista. A segunda das características ás que faciamos referencia ao comezo deste parágrafo son as relacións entre Galiza e Portugal e os vínculos entre os dous países. Afirma o autor que eses vínculos eran defendidos polas elites intelectuais de ambas beiras do Miño. É de destacar a análise daqueles intelectuais portugueses que escribiron sobre a identidade común na prensa portuguesa, son os casos de Júlio Dantas, Gastão Sousa Dias, Rodrigues Lapa, Ribeiro Carvalho ou Armando Marques Guedes.

Ora ben, se as semellanzas étnicas entre Galiza e Portugal estaban claras, outra cousa era o apoio das autoridades portuguesas ao proceso autonómico galego. Desta forma, podemos dicir que o interese da prensa portuguesa pola cuestión autonómica galega estivo determinado polas relacións que se mantiñan co novo poder republicano en España. Así, a autonomía galega interesaba na medida en que debilitaba ou fortalecía –como desexaban respectivamente a Ditadura portuguesa e a oposición– a Segunda República. E esta será tamén a posición que adopten os xornais portugueses dependendo da súa tendencia política. Desta forma, xornais da Ditadura como Diário da Manhã, O Século ou A Voz defendían a autonomía galega porque coidaban que así debilitarían o goberno republicano de Madrid. Ao mesmo tempo, outros xornais portugueses, como O Primeiro de Janeiro, República ou Diário de Lisboa tamén apoiaban o Estatuto galego, pero en base a ser unha conquista democrática que atacaba o tradicional centralismo castelán. As boas relacións de Salazar cos gobernos radical-cedistas (que se opuñan aos Estatutos) levou a que as autoridades portuguesas esqueceran significativamente a autonomía galega. Así as cousas, podemos afirmar que para os xornais portugueses o Estatuto galego era unha peza máis das difíciles relacións que se mantiñan con España. Por outra parte, nos momentos de crise do goberno portugués, a cuestión galega quedaba reducida a unhas poucas liñas, cando non desaparecía completamente.

Nos comezos da Segunda República é cando podemos atopar un maior volume de noticias sobre a “questão da Galiza”, tal e como o Diário da Manhã denominou o problema da autonomía galega. Así, a prensa portuguesa non se achegou só aos primeiros traballos autonomistas, senón que mesmo analizou os antecedentes do nacionalismo galego. Os xornais portugueses escribiron sobre a asemblea nacionalista de 1918, o Seminario de Estudos Galegos (fundado en 1923), os mitins na honra dos mártires de Carral, a constitución do Partigo Galeguista... Por outra parte, no que toca ao Estatuto galego, o xornal O Comércio do Porto ofreceu a través das súas páxinas un amplo resumo dos debates da asemblea autonomista do 4 de xuño de 1931, que tivo lugar na Coruña. Do mesmo xeito, o xornal lisboeta O Século reproduciu integramente o anteproxecto de Estatuto do Seminario de Estudos Galegos, este mesmo diario daría ampla cobertura á asemblea dos concellos galegos en decembro de 1932. Outro sinal que amosa a importancia do Estatuto galego para a prensa portuguesa son as entrevistas realizadas a políticos galegos. Otero Pedrayo, Villar Ponte ou Castelao foron entrevistados polo Diário de Lisboa, mentres que as declaracións de Basilio Álvarez aparecía n’O Comercio do Porto. Grande repercusión mediática tiveron en Portugal as palabras de Otero Pedrayo nas que afirmaba que Galiza podería ollar cara á Portugal de non atopar acubillo nunha España federativa.

No período do Bienio Negro achamos un menor volume de noticias sobre a cuestión autonómica galega. Ora ben, se ben é certo que o tema do Estatuto tivo pouco eco nestes anos, tamén o é que nesta mesma época as relacións culturais entre Galiza e Portugal recibiron un pulo significativo. Detense Norberto Ferreira nos principais fitos desas relacións, tales como o número dedicado a Galiza na destacada revista portuguesa Seara Nova, a embaixada galega na Exposición Colonial do Porto e, sobre todo, a Semana Cultural Galega, que tivo lugar no Porto entre o 31 de marzo e o 2 de abril de 1935. Os xornais do Porto levaron ás súas primeiras páxinas a celebración da Semana Galega, destacando neste senso O Primeiro de Janeiro. Nestas xornadas tivo unha participación moi relevante o Seminario de Estudos Galegos, depositario para a intelectualidade portuguesa das esencias do pobo galego. Non obstante, a celebración da Semana Galega, como a cuestión do Estatuto, tamén depende das perspectivas. Así, estas xornadas encadrábanse nas coordenadas ideolóxicas do salazarismo, coa promoción das “políticas do espírito”, que unían aos pobos; ora ben, moitos dos participantes galegos situábanse nas antípodas do Estado Novo. Non había contradición, só diferente intencionalidade.

A paulatina polarización política española, e o vencello do Estatuto galego ás esquerdas, tamén tivo a súa influencia na prensa portuguesa, sobre todo na da dereita, que pasou a velo como un factor de inestabilidade. Así, a maioría da prensa portuguesa non ofreceu unha ampla cobertura do plebiscito e da campaña de propaganda que o precedeu. Só Augusto Casimiro (un dos fundadores da Renascença Portuguesa) na revista A Águia e Rodríguez Lapa no semanario O Diabo difundidon a importancia do proceso.

Este libro aporta unha visión diferente sobre o o Estatuto galego durante a Segunda República. Acostumados como estamos a velo só en perspectiva galega, esta obra constitúe unha importante achega. Ademais de comprobar como nos ven outros ollos, o volume permite unha visión internacional sobre a autonomía galega. Sexan benvidos libros deste estilo.

A autonomía galega na imprensa periódica portuguesa (1931-1936)
Norberto Ferreira da Cunha
Casa Museu de Monção / Universidade do Minho, 2007, 278 páxinas.

Publicado na revista Grial, nº 176, outubro-decembro 2007, p. 93-95.

10/02/17

RECUPERANDO LECTURAS: O PRIMEIRO SUÁREZ PICALLO

Rescatamos unha lectura de 2008. Co gallo do retorno a Galiza dos restos de Ramón Suárez Picallo (1894-1964) apareceron varios libros sobre a vida e a obra deste sobranceiro galeguista. Entre os máis interesantes estivo unha escolma de artigos publicados na emigración arxentina. Dúas son as posicións deste primeiro Suárez Picallo: o combatente esquerdista e o valedor do galeguismo. En calquera caso, sempre combativo, sempre militante, este galeguista de Sada adquiriu nos anos da súa emigración unha formación que sería crucial para a súa vida política futura.

* * *

O 14 de outubro de 2008, coincidindo co corenta e catro cabodano do seu pasamento, regresaban a Sada os restos de Ramón Suárez Picallo, cumprindo así o seu desexo. A vida deste dirixente galeguista tivo, a grandes trazos, tres grandes etapas: primeiro, desde a súa emigración á Arxentina en 1912 até o seu regreso a Galiza en 1931; segundo, a súa actividade durante a II República española; e, terceiro, o exilio que o devolve, desta vez de xeito forzado, a terras americanas. Exilio definitivo, pois Suárez Picallo faleceu en Bos Aires en 1964.

Das tres etapas sinaladas, a primeira delas era a que permanecía máis na escuridade, pola falta de investigacións que botaran luz sobre os anos de Suárez Picallo na emigración arxentina. A paliar tal eiva contribúe o libro que comentamos. Trátase dunha antoloxía de textos escritos por Suárez Picallo entre 1916 e 1931 en revistas do movemento obreiro arxentino e xornais da colectividade galega emigrada. A edición do libro correspóndelle á Federación de Sociedades Gallegas (FSG), institución na cal o ilustre sadense tivo un notábel protagonismo. O estudo introdutorio e a selección dos textos estiveron ao coidado de Hernán M. Díaz.

Na introdución analízase o percorrido de Suárez Picallo na emigración. Esta primeira etapa da súa vida pode, pola súa vez, subdividirse en dúas: por unha parte, un período esquerdista, tanto no político como no sindical; por outra parte, o seu achegamento ao galeguismo. Emporiso, ambas as dúas partes non son independentes, a bagaxe intelectual adquirida ao longo da súa militancia obreira foi fundamental para atopar un lugar no eido galeguista. Curiosamente, o responsábel do volume exemplifica estas dúas fases con nomes diferentes do de Sada: Ramón Suárez, como asinaba as súas colaboracións, para a época de militante obreiro; e Suárez Picallo, nome que comezou a usar cando se vencella ao nacionalismo galego en Bos Aires.

Ramón Suárez comezou a súa militancia política na á máis radical do socialismo arxentino, a cal, en 1918 daría orixe ao Partido Socialista Internacional; esta organización transformaríase en 1920 no Partido Comunista, forza en que permanecería Suárez até 1922. Xa desde os seus comezos na acción política destacou o emigrante sadense como un notábel orador, razón que lle favoreceu para ser designado como candidato en varios procesos electorais. Ora ben, desilusionado polas loitas fraticidas e polas escisións internas, vai abandonar a política activa para ser centrar no traballo sindical. Contrasta esta inicial militancia leninista de Ramón Suárez coa posterior carraxe que desenvolverá cara aos comunistas, sobre todo despois de actuar como avogado de militantes anarquistas durante a Guerra Civil.

Entre 1917 e 1924 Ramón Suárez militou no ámbito sindical da mariña mercante, onde ocupou relevantes cargos. Así, en 1923 era membro do consello federal da Federación Obrera Marítima; por outra parte, en 1922 integrou o comité central da Unión Sindical Argentina. Intervén decisivamente en varios conflitos obreiros, destacando a súa actividade contra a lei de xubilación que pretendía impor o goberno do presidente Marcelo T. de Alvear. Ora ben, en 1924 o fracaso da folga marítima vai ir arredando progresivamente a Ramón Suárez da militancia sindical. Aínda así, en 1926, viaxou a Xenebra para asistir a unha reunión da Organización Internacional do Traballo.

Suárez Picallo chegou ao galeguismo da man doutro destacado emigrante: Eduardo Blanco Amor. O seu ámbito fundamental de actuación galeguista foi a Federación de Sociedades Gallegas (FSG), a onde chegou en decembro de 1925. No seo da FSG había unha dura pugna entre un sector galeguista e outro sector socialista, que en 1929 deu lugar á fundación de dúas Federacións diferentes. Suárez Picallo tomou partido polo bando galeguista, do cal sería un dos seus principais líderes.

Tanto na etapa esquerdista como na etapa galeguista, Suárez Picallo expresou a súa opinión por medio de artigos en xornais e revistas, comezou nesta época unha relación coa prensa que había durar toda a súa vida e que, en determinados momentos, foi fundamental para o seu sustento. Da etapa obreira debemos sinalar o seu traballos nos xornais La Internacional, La Argentina ou La República. Polo que toca ao galeguismo, Suárez Picallo foi codirector da revista Céltiga, publicación fundamental para o espallamento do galeguismo na Arxentina, e colaborou tamén no foceiro da FSG: El Despertar Gallego. Por esta época tamén deu ao prelo obras de entidade, tales como o folleto Cartas a un obrero (1922) e a peza teatral Marola, estrada no teatro Mayo de Bos Aires en 1925.

Os textos recollidos nesta antoloxía responden ás dúas principais épocas de Suárez Picallo na emigración: o militante obreiro e o activista do galeguismo; dispóndose, xa que logo, nunha orde cronolóxica. O primeiro bloque dos artigos desta selección pertencen a publicacións do movemento obreiro arxentino, moi especialmente as vencelladas ao sindicalismo marítimo ao que pertencía o propio Suárez Picallo. Nestes textos amosa o autor un gran coñecemento tanto das loitas obreiras a nivel internacional, como da historia do movemento obreiro e dos seus principais líderes. A través destes documentos temos noticia da participación do emigrante sadense nas loitas sindicais e do seu protagonismo na organización de folgas. Os artigos están acompañados de notas ao pé onde Hernán M. Díaz aclara ao lector a historia das organizacións obreiras ou quen era quen dentro do movemento obreiro da Arxentina.

No segundo bloque de artigos atopamos, case na súa totalidade, textos extraídos do periódico El Despertar Gallego. Nestes textos podemos observar a evolución de Suárez Picallo cara aos problemas de Galiza. Se ben é certo que segue preocupado polas cuestións sociais, esas inquedanzas vanse trasladar desde o internacionalismo ao caso galego. Este interese por Galiza vaino levar a mudar o seu referente revolucionario, que do proletariado vai pasar ao campesiñado e ao movemento agrarista. A preocupación por Galiza vai levar a Suárez Picallo ao nacionalismo galego, do cal demostra ser un gran coñecedor, así como dos seus líderes. Encadrouse nunha visión progresista do galeguismo, que xuntaba universalismo e defensa do propio. Porén, a súa visión do nacionalismo galego, en opinión de Hernán M. Díaz, tampouco estivo exenta dunha esencia marxista. Así, o noso home teimou en demostrar a vitalidade nacional de Galiza, para fuxir do cualificativo de «pobos sen historia», como alcumou Engels a aquelas nacións que non eran capaces de facer valer a súa identidade nacional. Para Suárez Picallo non había contradición entre nacionalismo galego e internacionalismo: «Por eso no hallamos incompatibilidad en defender los derechos nacionales de Galicia, como gallegos, y defender los derechos que tienen todos los pueblos de ser libres, como ciudadanos del orbe» (p. 133).

Ramón Suárez Picallo adquiriu nos anos da súa emigración unha importante bagaxe cultural; son estes anos de formación, de loitas políticas e sindicais na Arxentina, os que explican que puidese impresionar os líderes republicanos galegos, que o propuxeron como candidato ás Cortes constituíntes da II República. De novo, unha mostra máis da importancia da emigración no devir da Galiza contemporánea.

Años de formación política. Selección de textos (1916-1931)
Ramón Suárez Picallo
Hernán M. Díaz (introdución, selección e notas)
Bos Aires: Editorial Alborada, 2008, 156 páxinas

Versión da recensión publicada na revista Estudos Migratorios, vol. II, nº 1, 2009, pp. 225-228.

01/02/17

NA PROCURA DE JOAQUÍN DÍAZ VILLAR

Tentar perseguir no pasado as andainas dalgúns persoeiros non é tarefa doada e, ás veces, convértese nun traballo ingrato. No ano 2016 publiquei un artigo na revista Lvcencia (número 52) sobre a vida de Joaquín Díaz Villar, rico cubano natural do Valadouro. Hoxe vai unha de confesións. Making-of, se nos poñemos estupendos.

Sobre este personaxe coñecía varios datos da súa biografía laboral e empresarial. Logo de cincuenta anos traballando nos almacéns “El Encanto” da Habana, a empresa tributoulle unha homenaxe, que tivo lugar nos xardíns La Tropical en 1955. Sabía o ano, mais non o mes nin o día. A miña intención era procurar novas desa homenaxe no principal xornal da Cuba do momento: Diario de la Marina. Como non sabía a data exacta, comecei as pescudas a partir do 1 de xuño en adiante. Logo de mirar todos os xornais até o 31 de decembro non atopei nada. Daquela, tiven que trocar a ollada, a partir do 1 de xuño, pero para atrás. Atopeino no primeiro que mirei. A nova aparecía no Diario de la Marina do 31 de maio de 1955, pois incluía unha crónica da festa de homenaxe celebrada o 29 de maio de 1955. Por outra parte, o mesmo día 29 de maio tamén foi entrevistado por Diario de la Marina. Comprendedes por que dicía o de traballo ingrato? En fin, na entrevista que lle facían a Díaz Villar puiden atopar moitos datos que non tiña das súas experiencias laborais. Sorprendeume moito unha das súas frases: “No quise dar un viaje tan largo para tan poca aventura”. Gustoume e titulei así o artigo que vía a luz en Lvcensia por volta do mes de maio de 2016. Como podedes ver na imaxe que acompaña e estas liñas.

Mais, sen dúbida, o momento máis emocionante da investigación foi cando puiden falar con Marifeli Pérez-Stable, neta de Joaquín Díaz Villar, hoxe residente en Miami e profesora de socioloxía da Florida International University. Non esquecerei a conversa con ela, o 13 de xullo de 2015. Contoume emocionada a visita que fixo a Vilacampa co seu avó en 1970. De como Díaz Villar lle falaba en galego e das obras que fixo na súa parroquia. Porque os galegos, por moito que medren ou estean lonxe, sempre serán da súa parroquia, sen por iso deixar de ser outras moitas cousas. Por ela souben do falecemento de Díaz Villar en Miami en 1974, curiosamente o mesmo ano que nacín eu. Ao rematar non puiden deixar de sentir certo orgullo valadourense ao pensar que aínda hoxe en Cuba e en Miami permanece parte da historia do Valadouro, a nosa historia e a dos nosos emigrantes que nunca esqueceron a súa terra. Memoria eterna para eles.

Traballo ingrato si, mais tamén emocionante e con moitas satisfaccións. Deica outra.

Artigo na revista Lvcensia (nº 52) aquí.

Artigo na Mariña-El Progreso aquí.